“O corpo aberto” arrasa nos Premios Mestre Mateo con doce estatuíñas

A gala máis ourensá coroou o filme rodado na Baixa Limia, mentres que a gran favorita, “Rapa”, acadou catro galardóns

Isaac Cruz

Publicado: 12 mar 2023 - 03:12 Actualizado: 12 mar 2023 - 12:06

O equipo de “O corpo aberto” que asistiu onte á gala no Auditorio de Ourense.
O equipo de “O corpo aberto” que asistiu onte á gala no Auditorio de Ourense.

A edición máis ourensá dos Premios Mestre Mateo consagrou “O corpo aberto” como mellor película. Non houbo rival. O filme dirixido por Ángeles Huerta, rodado na Baixa Limia e baseado no relato Lobosandaus de Xosé Luis Méndez Ferrín, fíxose con 12 das 16 estatuíñas ás que era candidato. A gran favorita da noite, a serie Rapa, obtivo só catro galardóns dos 19 ós que aspiraba.

O Auditorio de Ourense volveu acoller a gala -xa o fixera en 2011- e gravou de novo o nome da provincia na historia do audiovisual. O acto comezou coa música da Xove Orquestra Ourensanía, encargada de amenizar un evento que comezou ás dez da noite e se prolongou ata pasada a medianoite. Un a un foron desvelándose os vencedores desta XXI edición dos premios, organizados pola Academia Galega do Audiovisual. Entre os encargados de revelalos había dous ourensáns: Noelia Rey e Tito Asorey. A actriz Bárbara Grandío, acompañada de Victoria Teijeiro e Belén Constenla, foi a mestra de cerimonias.

O triunfador indiscutible foi “O corpo aberto”, protagonizada por Tamar Novas. Fíxose coas estatuíñas de mellor película, mellor dirección, mellor dirección de fotografía, mellor guión e mellor interpretación masculina protagonista, entre outras, ata sumar un total de 12 galardóns dos 16 ós que optaba. A segunda obra máis premiada foi a serie “Rapa”, que partía como favorita. Acabou facéndose cos galardóns de mellor serie de televisión, mellores interpretacións femininas de reparto (Berta Ojea) e protagonista (Lucía Veiga) e mellor montaxe.

No palmarés tamén destacaron os premios a mellor comunicadora, que obtivo a verinesa Esther Estévez polo espazo Dígocho Eu, e a mellor longametraxe de animación, co que foi condecorado o filme “Unicorn Wars”. Outra estatuíña que acabou en Ourense foi a de mellor serie web, “Historias vageniales”, da trivesa Raquel Nogueira, que compartiu “ex aequo” con “Delicias amargas”.

O espazo de Telemiño dedicado ó cine, “Cinephilia”, foi premiado como mellor programa de televisión. Era candidato noutras dúas categorías: mellor realización e mellor comunicador. Simone Saibene foi o encargado de recoller o premio, o segundo que recibe o programa.

O produtor, compositor e músico Nani García recibiu o premio de honra Fernando Rey. Recoñeceuse deste xeito a súa dilatada carreira como compositor e ó seu compromiso coa divulgación musical vencellada ó mundo do audiovisual.

Antes do comezo da gala, os rostros coñecidos invadiron o Auditorio no “photocall” previo. O presidente da Academia, Álvaro Pérez, aplaudía no medio do rebumbio a acollida da cidade e resaltaba a “aposta por atraer rodaxes”. E subliñaba o efecto tractor do sector: “As administracións empezan a darse conta de que o audiovisual pode ser un polo de atracción de talento e de actividade económica. En Ourense estase entendendo mellor que en ningún sitio”.

Contenido patrocinado

stats