Concello Coruña prorroga por un ano subvención aos touros malia oposición BNG
DEBATE-TOUROS.-
O Concello da Coruña decidiu hoxe prorrogar un ano máis a concesión de case 130.000 euros para a celebración da feira taurina na cidade, a pesar da oposición do BNG, socio de goberno do PSdeG no consistorio.
'Os touros non son servizo público e polo tanto non poden recibir financiamento público, e menos en tempos de crise', manifestou nunhas declaracións aos xornalistas o candidato nacionalista ás próximas eleccións municipais, Xosé Manuel Carril, quen participou xunto a unha vintena de persoas nunha concentración en repulsa contra a tauromaquia.
A prórroga da concesión, prevista inicialmente para dous anos, foi aprobada co voto en contra do BNG, confirmou a responsábel de Cultura, María Xosé Bravo, quen insistiu en que existe unha postura 'moi diverxente' neste caso cos seus socios de goberno.
A este respecto, o concelleiro de Educación e Festas, o socialista Carlos González-Garcés -que na pasada fin de semana decidiu retirarse da lista do PSdeG na cidade nas próximas eleccións municipais-, saíu antes de comezar a votación para saudar os manifestantes.
'Existen diferenzas políticas, non persoais', aclarou mentres saudaba o candidato nacionalista, quen lle pediu que non 'hipotecase' o futuro do Concello.
Durante a última década as axudas públicas aos festexos taurinos na cidade aumentaron 33 por cento, cun montante total que supera o millón de euros, aos que agora se engadirán outros 130.000 euros.
'É o triunfo dos intereses escuros', afirmou o voceiro adxunto da plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas', Rubén Pérez, quen entregou no Rexistro municipal unha carta asinada por organizacións europeas que critican que se subvencionen as feiras taurinas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar