Camborda trae a Galicia a Cuncha de Ouro: “É un triunfo para o galego”

A directora de “O corno” foi recibida onte por Rueda e Goretti Sanmartín

Axencias

Publicado: 05 oct 2023 - 08:09

Rueda e Román Rodríguez recibiron o equipo da película.
Rueda e Román Rodríguez recibiron o equipo da película.

A cineasta Jaione Camborda (San Sebastián, 1983) reivindicou a Cuncha de Ouro conseguida a fin de semana pasada no Festival de San Sebastián con “O corno”, filme en galego, “coma un triunfo tamén para a lingua, para que se normalice”. A directora vasca -afincada na capital galega dende hai 15 anos- foi recibida pola mañá pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no Pazo de Raxoi. Alí, asinou no libro de honra recibiu de mans da alcaldesa unha acuarela pintada a man e unha figura de “As Marías”, símbolo de Santiago.

“Nada me fai máis feliz que estar hoxe aquí, na cidade na que escollín vivir. Escollina porque é cultural, viva, vándala e chea de bos faladoiros. Porque os que facemos cultura e gozamos dela, necesitamos da calor de teatros, cinemas, museos, concertos e demais. Porque nos fai máis libres e axúdanos a entender esta nebulosa que é a vida”, escribiu Camborda, quen indicou que “é un triunfo tamén para a lingua, para que se normalice. Todo o que sexa avanzar é motivo de celebración”.

Camborda, a primeira directora española en facerse coa Cuncha de Ouro cunha película en galego, nunca “imaxinou” conseguir o galardón. “Unha faino porque quere que se vexa o filme, tenta ser ambiciosa, chegar todo o máis alto, dar esa visibilidade que necesita o filme, pero a verdade é que a Cuncha de Ouro era pensar moi alto”, comenta. A cineasta, que estreou o martes en Galicia “O corno” como película inaugural do festival Curtocircuito, recoñece estar “moi nerviosa” ao ver “tantas caras coñecidas”. “Púxenme máis nerviosa case que no propio festival de San Sebastián”.

Como primeira directora española en gañar o certame internacional cunha cinta nun idioma cooficial, considera que “romper barreiras está ben sempre que sexa a primeira”. “Esperemos que algún día non sexa noticia e poidamos estar nese momento no que estea normalizado, pero aínda hai que facer cousas”, remarcou. Con todo, reivindicou que as cineastas tamén teñen ganas “de falar de cinema, máis aló do xénero”.

Co presidente da Xunta

Ademais, o equipo do filme foi recibido tamén polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Rueda felicitou a todo o equipo polo seu talento e polo compromiso coa cultura feita dende Galicia e en galego.

Contenido patrocinado

stats