'Os Bolechas' emitiranse na televisión portuguesa
Os personaxes de Pepe Carreiro poderán verse dende o 1 de xaneiro
nnnA popular serie da TVG comezará a emitirse o 1 de xaneiro de 2015 na RTP, a Televisión de Portugal baixo o título "Os Bochechas", pois así son coñecidos os irmáns creados por Pepe Carreiro no país veciño, onde xa se editaron varios libros en portugués. A televisión pública portuguesa comeza con 52 capítulos que empezará a emitir diariamente dentro da súa programación infantil para todo o país. Pero este salto supón tamén a introdución dos Bolechas no continente africano, pois a canle pública difundirá a serie tamén a través de RTP África para os habitantes dos países de fala portuguesa: Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique e Santo Tomé e Príncipe. Este paso supón un fito histórico para Os Bolechas, a serie que xa é todo un referente na programación infantil da Televisión de Galicia, onde se emite desde hai dous anos e medio e vai xa pola quinta temporada.
Os Bolechas ten como protagonistas os muppets dos populares personaxes creados polo debuxante e guionista Pepe Carreiro no ano 2000 e convertidos desde entón nun auténtico fenómeno cultural sen precedentes na literatura galega, con máis de 500 títulos editados e máis dun millón e medio de exemplares distribuídos.
EN OITO COMUNIDADES
Un éxito que levou a esta popular familia a traspasar fronteiras. A primeira emisión fóra de Galicia foi na veciña comunidade de Asturias, onde a emisión dos Bolechas foi un auténtico éxito ao lograr cotas de audiencia nunca antes conseguidas por un programa infantil. Tal foi a acollida que a televisión pública do Principado xa anunciou unha segunda tempada tras rematar a emisión da primeira.
Esta boa acollida permitiu levar Os Bolechas a outras comunidades autónomas onde os resultados están a ser igual de satisfactorios. Actualmente a serie estase a emitir, entre outras, nas televisións autonómicas de Estremadura, Castela e León e Castela-A Mancha. O salto a Portugal supón o recoñecemento internacional dunha serie consagrada en Galicia e que vén de demostrar a súa universalidade co éxito acadado en todo o territorio estatal.
O seu carácter pedagóxico, unido ás divertidas historias dos Bolechas, foron chave para a súa expansión e foron tamén os dous elementos máis destacados pola RTP á hora de elixila como serie de referencia para a súa programación infantil a partires de 2015. Paralelamente á serie, Os Bolechas irán lanzando tamén novos títulos en portugués para distribuír no país veciño, onde os contos de Pepe Carreiro xa son coñecidos e moi queridos polos pequenos.
Web e Universo Bolechas
Ademais da serie de televisión e dos libros, Os Bochechas terán a súa propia páxina web en portugués para que as nenas e nenos do país poidan gozar das actividades e xogos que xa teñen os galegos e o resto de comunidades, así como facerse socios do Club dos Bolechas e recibir o seu carné na casa. A nova páxina web incluirá material pedagóxico destinado a educadores e pais para que poidan traballar diversos contidos a través de historias e actividades relacionadas cos personaxes favoritos dos nenos de educación infantil e primaria, os principais seguidores dos Bolechas.
Ademais terán información sobre todo o relacionado co Universo Bolechas, desde novos títulos ata discos, produtos como a liña de xoias dos Bolechas ou espectáculos e saídas nas que Os Bolechas corpóreos se acompañan do seu colorido R4 e do autobús con actividades e diversión para os máis cativos.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar