“Asusteime cando me propuxeron a novela, pero son sentimental e gústanme os retos”

ALFREDO CONDE Asina “Homes de ferro”, a historia novelada da embarcación irlandesa “Naomhóig”, depositada no Museo do Mar

ANA BAENA. VIGO
Publicado: 15 dic 2019 - 23:45 Actualizado: 16 dic 2019 - 21:08
Alfredo Conde, con “Homes de ferro”, de Ézaro Edicións, sobre o Naombóig.
Alfredo Conde, con “Homes de ferro”, de Ézaro Edicións, sobre o Naombóig.

nnn O escritor Alfredo Conde (Allariz, 1945) asina unha nova publicación, “Homes de ferro”. É unha encarga especial, xa que baseada nun feito real conforma unha ficción literaria que pon o broche de ouro a unha epopeia irlandesa que remata en Galicia. Así, a imaxinación de Conde recrea a peregrinación a Santiago por etapas de 2014 a 2016 a bordo dun ‘Naomhóig”, un bote de remos tradicional irlandés, que se custodia en Vigo, no Museo do Mar. A asociación galega para o patrimonio industrial, Buxa, promoveu a rehabilitación da embarcación, que se expuso en Alcabre ata outubro e tamén asesorou a Conde neste proxecto.

Que pensou cando coñeceu a historia destes peregrinos irlandeses?

O primeiro que dixen foi ‘carallo!’ Lembreime da novela de “O vello e o mar”. Fantástica, pero da que quedei ata as orellas a primeira vez que a lin de adolescente. É unha gran novela, pero hai que lle botar moito peito para a ler. Asusteime cando mo propuxeron, pero teño unha educación sentimental, gústame asumir retos.

No limiar confesa que temía escribir unha ruta turística para navegantes, como o evita?

É certo que mentres un rema non fala. Iso facilitoume facer unha introspección grazas ao meu personaxe principal, Danny Sheehy. Tamén me axudaron os meus recordos de mariño, para axilizar un pouco a narración e non aburrir ao lector.

Escribíu sobre unha navegación real, pero recoñece non ter falado con ningún dos que a levaron a termo.

Lin algo sobre eles, moi pouco. Souben de xeito pormenorizado da súa navegación por Manolo Lamas (presidente de Buxa), deume o seu itinerario. Coñezo algunhas das rutas pola costa de cando navegaba; non así o tramo polo río, onde usei a imaxinación. O libro non é unha biografía, é unha novela onde me permitín certas licencias, que non sei se lle gustarán ou non aos aludidos.

Chegou a ver a embarcación orixinal despois da súa restauración?

Vin vela a Vigo e hai que estar moi tolo para meterse neso. É preciso moito valor, máis duns homes feitos e dereitos, uns sesentóns.

Se ven é certo que non se fala cando se navega, coñécense estes homes polos seus feitos?

Unha puntualización, non se fala cando se rema, pero na ponte de mando, un timonel pode contar a súa vida nun momento. Rémase e non se fala, pero se pensa. Iso permitíu que me metera no maxín dos catro e os interpretar.

E comeza polo final?

Comeza polo final, en 2017, na costa de Caminha co infarto de Danny Sheehy, o impulsor do proxecto.n

Contenido patrocinado

stats