Alberto Quian: "A ciencia toca absolutamente todo, a cuestión é saber contalo"
Alberto Quian (Vigo, 1976) obtivo o premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, outorgado pola Real Academia Galega de Ciencias pola reportaxe “Ciclodextrina: la conexión entre ‘El Señor de los Anillos’ y la pandemia de covid-19” publicado no dixital “El Salto”. Profesor de Xornalismo Científico na Universidade Carlos III, recibíu o galardón polo xeito orixinal de trasladar ao público o labor que realiza o grupo de Química Computacional do CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela.
Como se lle ocorreu esa conexión entre a comunidade do Anel e a loita científica contra o covid?
Teño que aclarar que a idea orixinal é dos propios autores da investigación que a publicaron nunha revista científica. Cando a lin quedei impactado e propúxenlle levalo ao terreo xornalístico, facendo a información accesible ao publico.
De aí a complicidade dos científicos co plantexamento narrativo?
O seu artigo supón unha ruptura respecto a literatura científica. Se ben a ciencia ten que ser rigorosa, isto non significa aburrida.
Como se chega a especializarse neste tipo de cobertura?
Para facer xornalismo científico hai que ter paixón pola ciencia. Imparto clase nesta especialidade na Carlos III. A principio de curso moitos alumnos rexeitan a asignatura, non entenden que sexa obrigatoria con seis créditos. O primeiro que lles ensino é que a ciencia toca absolutamente todo, hai estudos científicos de fútbol ou de música, de milleiros de temas con moitísmas aplicacións. A pandemia puxo en evidencia a súa importancia. A cuestión é saber contar todo isto, a clave está como explicar o complexo ao común dos mortais, nós somos xornalistas e hai certo temor a equivocarse. Os científicos son humanos coma nós e se lle facemos preguntas simples podemos chegar tratar temas complexos. Eu valoro moito a súa colaboración, a maioría facilita as cousas.
É normal que comproben o texto antes da súa publicación?
Eo. O labor de fiscalización debe ser a do xornalista sobre os científicos, pero cando falas con eles adoitan pedir a revisión previa do artigo. É algo positivo sempre que non se metan no enfoque. É bo que revisen as cuestións técnicas, pero sen permitir inxerencias no labor informativo.
Algunha vez lle deu a sensación de estar a informar sobre ciencia ficción?
Esta é a primeira vez que me atopo unha conexión tan directa entre a fantasía e a ciencia, pero nas miñas clases trato sobre a ciencia ficción. Paréceme interesante detectar as teorías que están baseadas e sustentadas en criterios científicos. Cada vez máis o cine require o asesoramento de científicos, é un gran medio de divulgación.
Cal é o nivel do xornalismo científico en Galicia?
Ten que avanzar, pero mellorou moito nunha década. Cada vez hai máis xornalistas especializados, aínda que eu lles pediría aos medios que apostasen polos xornalista científicos, que xa saben a metodoloxía. Tanto en Galicia como en España estase indo pola boa liña.
Que supón para a súa traxectoria este premio?
É un recoñecemento que me enche de ledicia e orgullo. Aínda que o outorgaron a unha reportaxe específica, detrás hai moita aprendizaxe e moita paixón. Para mín é un premio a todo ese traballo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar