A actriz Lucía Veiga, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

Exercerá o cargo os próximos dous anos, subtituíndo a Álvaro Pérez Becerra. Convértese así na novena presidenta da institución e a terceira muller en ocupar o posto

A actriz Lucía Veiga.
A actriz Lucía Veiga. | EP

A Academia Galega do Audiovisual renova a súa xunta directiva. A actriz Lucía Veiga é a nova presidenta para os próximos dous anos. Os socios escollérona nunha asemblea xeral da entidade celebrada o venres 30 de maio. Substitúe no cargo a Álvaro Pérez Becerra.

Lucía Veiga convértese así na novena presidenta da institución e a terceira muller en ocupar o cargo. Actriz, humorista e presentadora de televisión, Lucía é coñecida polas súas aparicións en programas da TVG como 'Malicia noticias', 'Luar' e 'Malo será', e por papeis en series como 'Rapa', 'Vivir sen permiso', 'Serramoura' e 'A desorde que deixas'.

Foi nomeada aos Premios Goya polo seu papel en 'Soy Nevenka', cinta de Icíar Bollarín e gañou tres Premios Mestre Mateo consecutivos polos seus traballos como comunicadora no programa 'Malicia noticias', e como actriz na serie 'Rapa' e na película 'As Neves'.

"Estou moi agradecida pola confianza que deposita en min esta Xunta Directiva para encabezar a candidatura e polo apoio da Asemblea. Son consciente do reto, das tarefas e da responsabilidade e, con esa vertixe que dá o descoñecido, tentarei estar á altura", comenta a recentemente elixida presidenta.

Entre os seus obxectivos principais, apunta, está continuar coa liña de diálogo e de acordo aberta polas xuntas anteriores e que as persoas asociadas perciban o valor que lles achega esta institución, "que sentan representadas".

Contenido patrocinado

stats