Imprimir

Paseo ao longo do século XX con Antonio Fraguas

ana baena. vigo | 14 de Marzo de 2019

Malores Villanueva presentará en Vigo “Mestre da memoria”, o 4 de abril.
Malores Villanueva presentará en Vigo “Mestre da memoria”, o 4 de abril.

Malores Villanueva publica con Galaxia a biografía do autor a quen este ano adican as Letras Galegas e que vivíu de 1905 a 1999

  A súa especialización como investigadora do galego na época franquista e a coincidencia de ter nacido tamén en Cotobade converteron a Malores Villanueva na primeira biógrafa de Antonio Fraugas (Cotobade, 1905/ Compostela, 1999). Baixo o título “Mestre da memoria”, a publicación de Galaxia acaba de saír do prelo. “Pretende ser unha obra divulgativa que chegue de xeito doado a tódolos que queiran saber máis sobre o autor do Día das Letras”, apuntou Villanueva, docente do IES Santo Tomé de Freixeiro, colaboradora de Galaxia e da Fundación Penzol.

Como aconteceu con outros literatos, adicarlle o 17 de maio a Fraguas daralle visibilidade, tal e como sinala a súa biógrafa: “En unha posta en valor de todo o seu traballo, ten máis de 300 publicacións, pero nunca estivo nun primeiro plano; traballou por recuperar a cultura do pobo galego, creando un auténtico arquivo da memoria e atesorando esas raíces profundas que el se decatou, estaban a desaparecer; asemade, o seu labor de mestre foi fundamental, na súa vida, porque el sentíase docente”.
Foi historiador, etnógrafo, profesor, primeiro director do Museo do Pobo Galego, membro de Irmandades da Fala e do Seminario dos Estudos Galegos ou fundadores da Sociedade da Lingua. Vivíu a República, sufríu depuramento no franquismo e o novo rexurdir da democracia. “Fraguas vivíu case cen anos, a súa vida é como un paseo ao longo do século XX, vai vivir de pleno un periodo de grandes cambios, polo que foi moi activo tanto na súa obra como nas súas vivenzas”. Villanueva documentouse principalmente no arquivo da Fundación Antonio Fraguas, doada ao Museo de Pobo Galego, onde ademáis dos traballos, tamén conserva a correspondencia, os apuntamentos ou os libros: “Era un home que o apuntaba todo, aínda que moi desordeado, polo que o labor dos arquivistas foi fundamental”.
Tamén a prensa da época foi unha fonte importante no seguimento de Fraguas, xa que recollían tódolos seus movementos. “A nivel anecdótico fágome eco dunha publicación dos anos 50, onde anuncian a súa participación como figurante, xunto a Ánxel Fole, nun documental que unha productora francesa rodou sobre a Pastoriza, é un xeito de amosar esa imaxe do autor como unha persoa que sempre estaba aberta a participar en distintas iniciativas”.
Porén, para Villanueva ten maior importancia a súa participación en Unión Radio: “Xunto con Xose Mosquera (o vello dos contos), foi o primeiro locutor de radio en Galicia de xeito continuado; emitían programas de divulgación, teatro radiofónico ou recitais poéticos, pouco a pouco foron ampliando o horario do programa; ambos pertenceron a unha xeración que entendeu os medios de comunicación como unha ferramenta non só para divulgar coñecementos, senon  para dignificar o idioma, falando ata de economía”.
Ata o momento de Fraguas só se tiña editado unha pequena publicación, realizada por Clodio González para unha colección de Ir Indo en 1999 e a recopilación de artigos sobre a súa persoa da homenaxe promovida polo Museo do Pobo Galego co gallo do seu centenario. 
Villanueva reivindica a Antonio fronte a Antón: “Sempre dicía que o seu santo era o de Padua, aínda que houbo unha época en que asinou como Antón e de aí pode vir a confusión”.
A presentación de “Mestre da memoria” chegará a Vigo o vindeiro  4 de abril, ás 19.30 horas, na Casa Galega da Cultura.n

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/vigo/paseo-ao-longo-do-seculo-xx-antonio-fraguas/20190314232841696510.html


© 2019 Atlántico

© Rías Baixas Comunicación, S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons