Kathleen March entra na Real Academia Galega
Será académica de honra no regreso da institución ao Balneario de Mondariz nunha ceremonia aberta ao público
A catedrática emérita da Universidade de Maine Kathleen March (Rochester, 1949) ingresará na Real Academia Galega como membro de honra o sábado 23 de setembro. A filóloga, autora de traducións e estudos fundamentais para a proxección internacional da cultura galega e fundadora da Galician Studies Association, lerá o discurso titulado Máis alá do manifesto nunha cerimonia que terá lugar no Balneario de Mondariz. A Academia volverá celebrar así, cento tres anos despois da recepción de Ramón Cabanillas, a entrada dun novo membro na corporación nun espazo que o seu xerente naquela altura, o académico correspondente Enrique Peinador, converteu nun auténtico centro de promoción e mecenado da cultura galega. O auditorio Infanta Isabel do Balneario de Mondariz acollerá a partir das 17:30 horas a sesión académica, aberta ao público ata completar a capacidade do salón. A directora da Sección de Lingua da Real Academia Galega, Rosario Álvarez, será a encargada de darlle resposta ao discurso da profesora estadounidense, quen chegou por primeira vez a Galicia no ano 1975 para investigar a poesía de Manuel Antonio, coautor do manifesto Máis alá (1922) evocado no título do ensaio co que ingresará na Academia. A tarde rematará cun concerto de Amancio Prada, tamén aberto ao público, que contará ademais coa participación da Coral de Ruada e o coro Agarimos da Terra.
Kathleen March formouse na State University of New York en Buffalo. Tras se especializar en estudos latinoamericanos cunha investigación sobre as actitudes no Brasil cara aos portugueses continentais, doutorouse pola mesma institución en Español cunha tese sobre o autor peruano José María Arguedas. Logo de estadías nas universidades de Nova York, Missouri-Columbia, Santiago e o Estado de Ohio, desde 1984 ata a súa xubilación impartiu docencia na University of Maine e no ano 2002 doutorouse por dita institución en Creación Literaria coa tese Sea Worlds: De mar a mar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar