Cristina Fernández Davila: "Para nós será fundamental a recuperación de espazo para as persoas"
Cristina F. Davila remata de tomar posesión do seu cargo. Ser alcaldesa despois de Represas é un reto?
Ser alcaldesa de Ponteareas é a maior honra que como veciña podo ter, aínda que as circunstancias non fosen as desexábles. O noso alcalde construíu un equipo de goberno sólido, imos botalo moito de menos, pero estou convencida de que, con todo o que nos ensinou e co equipo de persoas que o conformamos, seremos quen de dar resposta con éxito a todos os retos que veñan no futuro.
Ten dous anos por diante, Cales van ser as súas prioridades?
A prioridade, hoxe máis ca nunca, segue a ser a veciñanza. Para nós será fundamental seguir avanzando na recuperación do espazo público para as persoas na procura dese modelo máis habitable e sostible, pero que tamén ten demostrado ser unha poderosa ferramenta de reactivación económica en tódolos concellos onde se acometeu previamente. E a reactivación económica, a recuperación e o impulso da actividade do comercio, da hostalería e do tecido empresarial en xeral, tras esta durísima situación que desencadeou a pandemia, é prioritario para o Concello
O PSOE, socio de goberno, revalidou o pacto tal e cómo estaba?
Gustaríame aproveitar esta pregunta para agradecer ao grupo municipal do PSOE o seu apoio e o seu cariño nestas semanas tan complicadas que vivimos. A relación cos nosos socios é excelente e o pacto de goberno continúa vixente tal como se asinou no comezo do mandato.
Que lle pediría á oposición para unha gobernabilidade mais tranquila?
A gobernalidade en Ponteareas pódese cualificar de absolutamente sólida e estable, e contamos, afortunadamente, cunha absoluta normalidade democrática no día a día do noso Concello. Como a sociedade sabe e reclama, son e serán nos vindeiros meses tempos de arrimar o ombro, de colaborar e de traballar todos e todas a prol das nosa veciñanza. O avance na vacinación traerá paulatinamente a reactivación da actividade, pero temos que seguir impulsando iniciativas e proxectos para recuperarnos deste duro golpe canto antes, polo ben de toda a sociedade. Eu estou convencida de que así será, e que contaremos co seu apoio para logralo
Ten maioría absoluta de 12 concelleiros ¿pero terá en conta o diálogo coa oposición?
Sempre apostamos pola escoita activa e o diálogo no noso goberno. Como é natural en ocasións xorden discrepancias, pero abordámolas sempre dende a cordialidade e o respecto, como non podería ser doutro xeito
Coido entón que está disposta a consensuar temas de calado ainque non estean na súa axenda…..
Penso que sempre estivemos abertos a tratar calquera tema e a posibilidade de chegar a consensos, especialmente en asuntos de importancia para Ponteareas, estiveran ou non na nosa axenda. A nosa man está sempre tendida á colaboración entre todas as forzas políticas para traballar xuntos
Será alcaldesa para todos?
Non concibo outra cousa. Esa será a miña máxima prioridade e espero que, con traballo, esforzo, dedicación e o apoio do resto de concelleiras e concelleiros, a sociedade ponteareá estea orgullosa do seu Concello. Eu pola miña parte estou moi ilusionada e totalmente comprometida con ese obxectivo
Un desexo para estes dous anos?
Teño dous desexos principais, o primeiro é saúde, en maiúsculas, para todos, e que a pandemia remita totalmente e poidamos retomar as nosas vidas con normalidade, tras aprender da terrible batalla e dispostos a enfrontar o futuro con optimismo. O segundo, é prosperidade. Que o noso Concello e as persoas que vivimos nel poidamos ver como acadamos unha recuperación económica e social rápida e efectiva.
E unha mensaxe para osa seus conveciños?
Dúas mensaxes. A primeira de ánimo e resiliencia, aínda que tamén de prudencia. Se seguimos co comportamento responsable que estamos a ter, todo irá mellor e a pandemia remitirá axiña. E a segunda, é de compromiso, meu e do meu equipo, de traballar sen acougo para dar continuidade ao traballo que vimoss facendo ata agora, no camiño de converter Ponteareas nun lugar mellor no que vivir e do que sentir orgullo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último