As termas de Salvaterra revisarán a auga con ultravioleta

As obras están financiadas pola Consellería de Industria con 86.0000 euros e o Concello de Salvaterra, con 26.800

Espazo Lúdico Termal de Teans en Salvaterra.
Espazo Lúdico Termal de Teans en Salvaterra. | Atlántico

O Perfil do Contratante do Estado publicita a licitación para presentar ofertas da obra de “Acondicionamento e mellora do Espazo Lúdico Termal de Teans” ata o 12 de outubro.

Estas obras están financiadas pola Consellería de Economía e Industria a través das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalación dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 86.055 euros e polo Concello de Salvaterra de Miño pola cantidade de 26.837 euros.

Os traballos están divididos en tres lotes, por un lado a adquisición e instalación de sistemas de bombeo, máis concretamente de tres bombas sumerxibles. Por outro lado coa actuación en vestiarios, duchas e aseos, coa instalación dunha climatización en todo o recinto que reduza as variacións de temperaturas entre o interior e exterior e polo tanto a condensación de vapor que se xera dentro das instalacións.

O último lote desta obra vai dirixido a mellorar a calidade das augas usadas para o baño dotando as pozas dun sistema de raios ultravioletas que reforzarán todas as medidas hixiénicas que se levan a cabo, tal e como marca a lexislación vixente. As augas termais e mineromedicinais poden perder esa condición ao ser tratadas quimicamente, por iso a importancia de dotar as termas deste sistema, xa que a radiación ultravioleta de lonxitude de onda próxima a 254 nm actúa sobre o ADN e ARN de bacterias, virus, fungos e protozoos, impedindo a súa reprodución.

Contenido patrocinado

stats