A Deputación mobiliza 6,25 millóns en 6 concellos da área
Luis López, presidente da institución provincial, destaca que servirán para executar obras que “levaban anos agardando a súa oportunidade”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta os 6,25 millóns de euros mobilizados este ano a través do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra nos seis concellos da comarca de Vigo. O mandatario provincial continúa no Porriño a serie de encontros comarcais iniciada hai unha semana en Moraña para facer balance dos proxectos postos en marcha ao abeiro da primeira convocatoria deste novidoso programa que, dotado con 38 millóns de euros de orzamento, atendeu o 100% das solicitudes presentadas beneficiando aos 59 concellos de menos 50.000 habitantes da provincia. “Este proxecto é moito máis ca un simple plan extraordinario de investimentos nos concellos. É un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, definiu Luis López a vocación dun plan que xa ten en marcha a súa segunda convocatoria, que volveu ser un éxito absoluto de concorrencia.
No Concello do Porriño, diante de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal dos seis concellos —O Porriño, Mos, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela e Soutomaior— que integran a comarca de Vigo, o presidente da Deputación puxo o foco no carácter estratéxico e transformador dos sete proxectos que se están a executar xa ao abeiro deste Plan Extra, do papel da Deputación para financiar a maior parte das obras, o 100 % nalgúns casos; e na lealdade institucional do executivo provincial para respectar a autonomía dos gobernos municipais á hora de decidir os proxectos a desenvolver. “Co Plan Extra a autonomía dos concellos acada unha nova dimensión ao dotar á Deputación das ferramentas necesarias para facer realidade esa obra tan necesaria e que tantos anos estaba agardando a súa oportunidade nun caixón. Falamos dun proxecto global para 59 concellos pequenos e medianos, pero todos extraordinarios; que nós convertemos en estratéxico para unha provincia extraordinaria”, afirmou López.
Entre os proxectos beneficiarios das subvencións deste Plan Extra na comarca de Vigo está o da creación dun novo espazo público na praza Pío XII presentado polo Concello do Porriño cun orzamento de dous millóns de euros que recibe unha subvención por parte do organismo provincial de 1,1 millóns. Unha actuación transformadora que foi posta en valor por representantes da Asociación de Amas de Casa Rosais, que tamén participaron neste encontro. Continuou o presidente explicando as obras postas en marcha con esta convocatoria citando a humanización e instalación dun ascensor na Praza da Petanca proposto polo Concello de Redondela ao que a Deputación achega 700.000 euros dun total de 1 millón. En Fornelos, a administración que preside Luis López aporta 280.000 euros para a urbanización da praza pública, valorada en 330.000 euros. En Soutomaior, a achega provincial de 700.000 euros permite facer realidade o proxecto de reurbanización do centro urbano de Arcade, valorado en 1,2 millóns. Nestes casos, os concellos completan cada un dos orzamentos con fondos propios ou con subvencións doutras administracións.
Luis López: “Estamos comprometidos cos 61 concellos”
A primeira convocatoria do Plan Extra da Deputación serviu para mobilizar un total de 6,25 millóns de euros nos seis concellos da comarca de Vigo, dos que o organismo provincial achega 4,3 millóns. Un revulsivo que terá continuidade o vindeiro ano, porque a segunda convocatoria do Plan Extra vén de pechar recentemente o prazo de presentación de solicitudes e supuxo novamente un completo éxito de participación. “Unha nova demostración da cantidade de proxectos ambiciosos e creativos que os concellos teñen preparados para executar en canto teñen a oportunidade”, dixo López.
A colaboración da Deputación cos concellos pequenos e medianos da provincia resulta crucial para executar proxectos estratéxicos que teñen o obxectivo de mellorar as infraestruturas e os servizos para mellorar a calidade de vida da veciñanza que vive nestes municipios, moitos deles enclavados en contornas rurais e afectados polo reto demográfico. Con todo, a achega do organismo que preside Luis López non se limita unicamente á execución deste tipo de proxectos, tamén promove a actividade cultural, social ou turística a través de iniciativas de todo tipo. “Escoller O Porriño para organizar este encontro é moi pertinente”, declarou o presidente para contextualizar a celebración deste encontro nun concello do interior que é un dos motores económicos da provincia e que será tamén un dos beneficiados do esforzo investidor que deixará o vindeiro ano 128 millóns nos concellos pequenos e medianos da provincia a través dos plans de cooperación +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e Plan Extra. “Esta é unha provincia de 61 concellos cos que estamos comprometidos en todo, con toda a forza da que dispoñemos”, concluíu o presidente Luis López.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último