Un verdadeiro temporal de paixón celeste e de cor

Celta

Un total de 20.015 seareiros acudiron a Balaídos nunha xornada de vento e choiva que comenzou cun recibimento ó equipo que incluíu ata fogos artificiais

A bancada de animación presentou un gran aspecto nunha xornada de mal tempo, que se notou no abrigo dos seguidores, pero non na súa vontade de animar ó longo de todo o encontro.
A bancada de animación presentou un gran aspecto nunha xornada de mal tempo, que se notou no abrigo dos seguidores, pero non na súa vontade de animar ó longo de todo o encontro. | JV Landín

A choiva e o vento non van parar á afección céltica. Os galegos, os vigueses, saben o que é unha borrasca atlántica. Non se pode vencer, pero é preciso vivir con ela, confrontala con gañas, con ilusión e con paixón celeste, como onte nun día grande da Liga Europa, na que había que clasificarse para a seguinte rolda na casa.

Así, entre cervexas baixo a cuberta, con algún paraugas e con moita roupa para o frío, os seguidores acudiron ó chamamento de recibir ó equipo antes do partido. E onte foi cunha escenificación dunha manifestación no que a pancarta era “Dispostos pra loitar”. A rapazada sostiña a tea e detrás había un grupo notable de seguidores. Pouco despois, chegou o autobús no medio dunha marea humana e apareceron as bengalas e os botes de fume. Foron vermellos algúns, outros azuis e, de pronto, no ceo puidéronse ver os fogos artificiais, outro dos elementos incorporados para estes actos e que na noite escura brila máis, destaca máis, impresiona máis. É unha festa, Balaídos en versión de verbena futbolística.

A chegada do equipo tivo cor celeste, pero tamén outras.
A chegada do equipo tivo cor celeste, pero tamén outras. | Jorge Santomé

Nunha boa verbena pode escoitarse ‘La Ventanita’ -as históricas- ou ‘O Cabaliño’, -as actuais-, pero no coliseo céltico a festa comeza con ‘Oliveira dos Cen Anos’, e, despois, continúa con todos os grandes éxitos da bancada de animación, nalgúns engádese o resto do campo. “O Celta é a miña vida” é un deses clásicos que cada día gañan adeptos. O ruido chegou especialmente tras o tanto de Carl Starfelt, que foi un verdadeiro estourido de felicidade en minutos de moito padecemento no que o equipo defendía, o Lille atacaba e o público berraba todo o que podía para intentar dar pulos ó seu conxunto amado.

E o éxtase xa chegou ó final, co asubío do árbitro, un son que significa festexar ou, máis ben, continuar a verbena celeste. Os xogadores tamén celebraron no temporal de paixón celeste.

Contenido patrocinado

stats