O recuncho branco probou a resistencia da bancada
Comezaron algo tímidos os alemáns, pero cos goles xa estaban a saltos no lateral de Río Alto
No poleiro da bancada de Río Alto había unha mancha branca con algo de vermello que viviu unha tarde soñada. Comezou o día con calma, quizáis porque xa deixaron moitos folgos no paseo longo por media cidade ata Balaídos. Os primeiros minutos parecían estar en silencio no seu curruncho ante todo o ambiente celeste. Pouco a pouco, aló polo minuto vinte de partido, comezouse a escoitar algo o curruncho dos seguidores do Friburgo.
O balbordo creceu cos goles e xa tras o terceiro foi o momento de levantar a vista porque aproveitaron uns segundos de silencio da parroquia viguesa, en plena penitencia, para saltar. Facía tempo que máis de mil persoas non probaban a fortaleza da vetusta bancada de Río Alto. O realizou a parroquia chegada de Brisgosvia porque estaban na súa particular festa.
Xa tiñan todo: viaxe, sol das Rías Baixas, resultado a favor… Era o particular espertar a un día máxico. Brincaron, moveron as bufandas. Ata xogaban coas pancartas de cando en vez. E, xa nos últimos minutos, executaron un ritual no que a metade deles levantaban a man coa bufanda e a outra metade esperaba o troco. Así varias veces ata o cántico final xuntos. Como é liturxia, tiveron o saúdo do equipo e, probablemente, algún que outro rematou a noite como merecía. Vigo, destino de fútbol europeo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar