Radu traspasa a bancada
CANCIÓN CELESTE
O romanés xa ten a súa propia canción, iniciada na grada e creada polo artista Hugo Guezeta
O carisma é esa capacidade especial para atraer, fascinar e conectar coa xente dun xeito natural. Non se aprende nin se adestra; simplemente tense. Ionuț Radu chegou ao Celta transmitindo esa personalidade desde o primeiro día. Xa na súa presentación deixou unha das imaxes que, de primeiras, máis conectou co celtismo ao asegurar que estaba desexando mirar á bancada e celebrar cun "¡Vamos, vamos!".
O porteiro romanés conquistou Balaídos polas súas paradas, pero tamén por todo o que transmite dentro e fóra do campo. Próximo, espontáneo e moi activo nas redes sociais, converteuse nun deses futbolistas que conectan coa afección de maneira natural. Como dirían os máis novos, un auténtico “xerador de aura”. Esa conexión explica que, con apenas unha tempada en Vigo, xa teña unha canción propia. Trátase de “Radu Radu”, obra do rapeiro ponteareán Hugo Guezeta, celtista e cunha ampla traxectoria dentro da escena urbana galega.
A idea naceu nunha conversa entre amigos, aínda que nun primeiro momento non todos a viron clara: "Comenteillo aos meus colegas e dicíanme que como lle ía facer unha canción a un porteiro que levaba un ano aquí". Mesmo na súa casa xurdiron outras propostas: “A miña avoa dicíame que tiña que facerlle unha a Aspas”. Pero unha conversa acabou cambiando o rumbo do proxecto: “Estabamos tomando algo e un amigo dixome que había que facer algo de Radu”. Aquela ocorrencia acabou convencendo ao artista, que viu no gardameta "unha persoa moi carismática, que conectou coa afección moi rápido". A partir desa primeira idea, o proxecto foi collendo forma. O obxectivo era afastarse da canción futbolística convencional e facer un tema que mesturase fútbol, retranca e identidade galega: "Queriamos facer unha temática futbolística coa retranca característica". A canción foi medrando pouco a pouco ata a versión definitiva, elaborada xunto a Peter Petrowski.
Pero “Radu Radu” non naceu coa intención de converterse nun éxito comercial: "Tamén hai que facer temas que nos divirtan". Esa filosofía foi a que guiou todo o proceso: "Somos celtistas e buscabamos unha figura que conectase coa afección dunha forma xenuína". Para Hugo, Radu encaixa á perfección nesa idea, xa que "séntese moi integrado no equipo e agradécelle moito á afección o apoio que recibe". O propio Radu xa segue a Hugo nas redes e dende o Celta transmitíronlle que o gardameta celeste está encantado co resultado.
Para o artista, gravar o videoclip en Balaídos supuxo cumprir un deses soños que quedan marcados
O ponteareán entende esta colaboración como unha mostra de que o Celta pode funcionar tamén como un punto de encontro entre fútbol, música e cultura galega. Na súa opinión, o club ten a capacidade de dar visibilidade a iniciativas que nacen da propia afección e de converter Balaídos nun escaparate para artistas e proxectos vinculados á identidade da terra, como xa pasou con Fillas de Casandra ou Hard GZ. “Que artistas galegos teñan Balaídos ou as redes do Celta como altavoz para mostrar a súa música é un valor moi grande”, explica. Para o artista, ademais, gravar o videoclip no estadio supuxo cumprir “un soño”.
Volver a Balaídos cun proxecto propio foi “un check vital”, explica, dentro do seu camiño musical. O que comezou como unha idea entre amigos acabou converténdose nunha peza que une celtismo e cultura galega, e que demostra que algunhas das historias máis especiais arredor dun club nacen, precisamente, desa conexión entre a bancada e os propios xogadores que loitan por ela no céspede.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último