Paseciño a paseciño faise o camiño cara Estambul

Celta 1-0 PAOK

O Celta, cun xogo combinativo sen riscos, superou ó PAOK pola mínima para asegurar o pase a oitavos de final

Os xogadores do Celta celebran o gol da vitoria acadada onte, que asinou o sueco Swedberg, ante a tristura do porteiro visitante Tsiftsis.
Os xogadores do Celta celebran o gol da vitoria acadada onte, que asinou o sueco Swedberg, ante a tristura do porteiro visitante Tsiftsis. | J.V. Landín

Como o Camiño de Santiago, pasiño a pasiño, faise o camiño. No Celta consiste no paseciño a paseciño faise o camiño. O final non está na Praza do Obradoiro nin na Quintana. Situase na parte europea de Estambul, nunha final da Europa League, para a que aínda quedan moitos pases que dar e etapas que superar. A seguinte con máis dureza que a solucionada onte en Balaídos ante o PAOK, un equipo que en Vigo tivo vontade e bastante inoperancia ofensiva.

Paseciño a paseciño, de Starfelt a Marcos Alonso, de novo a Starfelt e Javi Rodríguez. Tocaban os centrais do Celta ante un PAOK que, ou acertaba na presión extremadamente alta, ou despois carecía de capacidade para o roubo. E novo pase entre centrais. De cando en vez, ía por alí Vecino para iniciar o ataque. Noutras ocasións, o tentaba Ilaix Moriba. Sen trocar o ritmo, sen acelerar de máis para evitar situacións de risco porque o marcador era a favor. E así pasaban os minutos, con posesións longas de pouco perigo, pero con sensación de control.

Pola súa banda, o PAOK, coas súas oito baixas, co seu dianteiro estrela Giakoumakis no campo, padecía para sacar o balón, non era capaz de elaborar dende atrás e as escasas opcións de perigo chegaban cando conseguía encadear algúns pases no campo do Celta. Soamente creou algo de problemas en dúas situacións a balón parado; un remate alto e outro no que Radu meteu a luva cando Giakoumakis tiña a cabeza a punto de empurrar á rede.

Polo bando celeste, moitas chegadas, pero sen gran perigo ata que tocaba o balón Aspas. Asistiu a Vecino, pero o remate marchou por pouco. Houbo máis opcións, sen acerto, antes de alcanzar un tempo de lecer co cero a cero e co partido calmado, quizais en demasiada calma.

Claudio Giráldez apostou por Miguel Román na reanudación para tentar acadar o punto de verticalidade e velocidade en ataque que puidera romper o partido. Diversas opcións, chegadas, ata que Carreira foi cara ó centro, pasou a Borja Iglesias e o de Santiago enviou a Swedberg dentro do área. Control e disparo paseniño co interior. Suave, como un pase, pero por sorpresa e o porteiro non chegou. Paseciño a paseciño ata o gol. Ata pechar a eliminatoria.

Quedaban minutos por xogar. Xa era cuestión de non cometer erros ante un opoñente con algúns xogadores de calidade, pero sen orde colectiva. A presión era moi ineficaz e as asociacións de ataque escasas, sen verse os famosos automatismos para inquietar a un Celta cómodo, tranquilo, versátil. Certa tranquilidade no campo e moita festa na bancada. E volveron os pases entre Marcos Alonso e Starfelt. Agora apertaba alto o PAOK e alí había espazos para sacar o balón, para o pase adiante, para a profundidade. Houbo moitas opcións para o segundo, a guinda que faltou.

Celta 1 (3) - PAOK 0 (1)

Celta:

Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso (Carlos Domínguez, min.88); Javi Rueda, Moriba (Miguel Román, min.46), Vecino, Carreira; Aspas (Jutglà, min.67), Swedberg (Jones, min.77) e Borja Iglesias (Fer López, min.77).

PAOK:

Tsiftsis; Kenny, Kedziora, Michailidis, Baba; Sánchez, Ozdoev, Bianco (Camara, min.67), Zafeiris, Chatsidis (Taylor, min.73); Giakoumakis (Jeremejeff, min.79).

Gol:

1-0, m.63: Williot Swedberg.

Árbitro:

Marco Guida, de Italia. Amosou cartón amarelo a Ilaix Moriba. Sen amonestacións no equipo visitante.

Incidencias:

Campo de Balaídos, 21:306 espectadores nas bancadas. Volta do ‘play-off’ de Liga Europa. O club repartiu bandeiras a todos ós asistentes.

Contenido patrocinado

stats