Damián Rodríguez: “A mensaxe de Claudio segue chegando ben a todos no vestiario, coma sempre”

“Sabía que cando chegase a oportunidade de ter minutos ía estar preparado; e así foi”, sinala o centrocampista canteirán do Celta

Entrevista a Damián Rodríguez, centrocampista canteirán do Celta | Vicente Alonso

Damián Rodríguez ten un falar tranquilo e recibe as preguntas coma os balóns no seu pe esquerdo: sabendo xa como dar continuidade. Sabe que está nun momento de rexurdimento que ten que aproveitar pero sen tolear: facendo o que sabe cada día mellor. E tamén tenta transmitir tranquilidade no grupal, convencido de que o equipo segue no bo camiño e que as verbas de Claudio Giráldez continuan chegando nítidas.

¿Estas dúas últimas titularidades trocaron un pouco o seu panorama persoal?

Levo xogando todo neste dous encontros e chego con máis confianza a este tramo da tempada. Pero penso que, aínda que nos outros partidos non xogaba, tiña a mesma confianza que agora. Sabía que ía chegar o momento e aquí estamos, con moitas gañas de que chegue o domingo.

Cando un pasa por eses periodos, que con Claudio de adestrador é bastante habitual, ¿fai máis autocrítica de dicir que é o que podo facer para ter minutos?

Si, claro. Se non xogas é porque algo estás a facer mal ou tamén hai mérito de outros compañeiros de posición. Pero algo hai que facer para cambiar as dinámicas e que te metan a xogar. Eu, agora, encóntrome nun momento moi bo e esperamos que así siga.

¿É consciente de ter feito algo en concreto para acadar eses minutos?

Non, non. Non hai nada especial. O que si, sempre seguín coa mesma rutina. Sempre facía o mesmo antes e despois do adestramento. Entón, sabía que cando chegase a oportunidade ía estar preparado. E así foi.

Unha obviedade é que agora ten máis competencia polo tema de Hugo Sotelo, que pasou a xogar máis na súa zona. Vostede coñéceo moi ben, ¿sorprendeulle o cambio?

Non, non me sorprendeu porque é un xogador, tanto el como Ilaix, Fran ou Miguel, que pode xogar nesa posición desempeñando un bo papel para o equipo. Entre todos facémonos mellores, porque todos queremos xogar e a competencia é máxima: queremos entrenar mellor, xogar melhor, coidarnos máis… Penso que é bo para todos.

¿Pediulle consellos?

Non, non. Nin el dame consellos, nin eu a el. Si que cando tiven a oportunidade de xogar contra o PAOK, viu e deume ánimo. Somos amigos de toda a vida, é algo chulo.

¿Hai partidos para todos, agora que son un máis no centro do campo?

Si, penso que hainos. Obviamente, todos queremos xogar todos os partidos, pero o míster dá oportunidades e hai que intentar aproveitalas ó máximo para xogar os máximos partidos que se poidan. Penso que si, penso que hai partidos para todos. Temos tres competicións e, por exemplo, agora ven un periodo de moitos.

O día do PAOK, sumábase a que viña de non xogar que era un partido especial, coa volta a Europa en Balaídos. ¿Como o viviu? Porque é canteirán e na etapa anterior en Europa, coincidirialle mirar partidos.

Si que mirei. Era infantil de segundo ano e miraba moitísimos partidos e ía sempre a Balaídos. Ás veces, de recollepelotas, coma contra o Ajax. O partido do PAOK foi moi especial porque é un ambiente diferente e na casa. Todo bastante diferente. Había moitas ganas dese debut en Balaídos e rematou coa vitoria.

Persoalmente, xogar en Europa, co Celta, supoño que é algo bonito.

Si, si, algo moi especial. Porque levo aquí case toda a vida. Son especiais todos os partidos, pero é verdade que se sumas que é de Europa e no teu estadio, todo suma.

Xa dixo que foi importante esa vitoria, porque está costando moitísimo gañar partidos. ¿No vestiario pregúntanse por que?

Non nos preguntamos iso. Levamos moitos empates, dúas derrotas, esa vitoria contra o PAOK… Penso que xogamos bos partidos e estamos adestrando ben. Sabemos que temos que seguir coa rutina, con esa dinámica. Non sempre gañaremos o partido pero sempre queremos os tres puntos. Non se están dando, pero penso que van chegar.

¿Cada partido que pasa de Liga sen ese triunfo aumenta un pouco esa presión?

Non, non, para nada. Porque tivemos a vitoria contra o PAOK, que sumamos tres puntos. É verdade que é unha competición diferente, pero bueno, sabemos que vai haber máis partidos e máis oportunidades.

“Sabía que cando chegase a oportunidade de ter minutos ía estar preparado; e así foi”
“Non temos presión por non gañar; temos que manter a dinámica e van chegar as victorias”

Vén agora a Real Sociedade. Choca bastante a súa situación na táboa, ¿non si?

Si que é verdade que a Real adoita estar en Europa e que é un equipo cun gran plantel. Pero bueno, van oito xornadas e aínda é moi cedo. Quedan moitísimos partidos. E, ó final, o nivel da liga é moi alto e hai equipos moi bos, que tamén teñen as súas bazas e tamén puntúan.

Fala do grado de competitividade que hai dentro da liga e de que o que se fixo o ano pasado non é sinxelo.

Tal cual. É algo moi complicado meterse en Europa. Os equipos da liga están moi, moi ben traballados e nótase.

Comparando o ano pasado con este, ¿trocou o funcionamento táctico do grupo ou os alestramentos?

Non trocou nada. O que está claro é que hai máis partidos, de xoves a domingo. E entón, a dinámica pode ser diferente porque non podes adestrar igual. Pero en canto ó grupo, non trocou nada.

A mensaxe de Claudio segue chegando nítida ao vestiario.

Si, si, coma sempre. Todos os domingos ou xoves sabemos o que temos que facer. El traslada esa mensaxe, que penso que chega a todos.

Nese senso, ¿como de importante é para a tranquilidade do grupo ter esa garantía de que Claudio non ten o final de contrato en xuño?

Éo. Sabemos que gústalle estar no Celta. Nós non metémonos no seu contrato pero disfrutamos toda a semana con el, co seu corpo técnico. Queremos que chegue o xoves ou o domingo, coma sempre, intentando ir polos tres puntos.

Falabamos antes do contrato de Claudio e o seu, ata 2028, está bastante claro. Pero quería preguntarlle sobre os axentes e a súa influencia sobre a xente nova. ¿Como pasou esa etapa, sentiuse presionado?

Non, non. Eu, para nada. Eu sabía que quería estar aquí dende o primeiro momento que cheguei e para nada me sentín presionado, nen nada polo estilo.

Non tanto por marchar ou quedar no Celta, senón por escoller un ou outro axente. ¿Tivo 30 detrás ou algo así?

Non, non, porque levo dende xuvenil co mesmo. Sabía que levaba buscándome dende infantís e tiñamos xa boa relación con el, tanto eu coma os meus pais. Entón, non había problema. De momento, estou moi contento con el e con eles.

¿Non lle chegan ofertas ou mira que fan outros xogadores?

Non, a verdade é que non me chega nada.

Acaba de anunciar a súa retirada Sergio Busquets, non sei se é un referente especial para vostede.

Si, si, obviamente. Seguramente, o mellor centrocampista da historia. Bueno, dos que eu mirei. Obviamente, para todos os que xogamos na súa posición é un fixo entre os que nos temos que fixar. É un espello onde mirarse porque as cousas que facía tiñan moito mérito.

“Gústame moito analizar ós xogadores rivais”
“Busquets é o mellor centrocampista que eu teña visto; é un espello no que mirarse xogando nese posto”

¿Ten unha listaxe de mediocentros de referencia?

Non, a verdade. Pero cada vez que miro un partido, que me gusta moito, fíxome nos mediocentros a ver que tal: que teñen de bo, que teñen de malo… Gústame moito iso.

¿E analizar ós rivais do centro de campo mais alá do que diga o corpo técnico?

Si, si, gústame saber. Penso que coñezo bastantes xogadores. Sobre todo agora, porque en Primeira é moito máis fácil que en Primeira Federación, hai máis medios. Podes mirar os partidos repetidos e saber quen xoga, que estilo de xogador é, as súas virtudes, os seus defectos...

¿Temos un novo Iago Aspas en potencia, entón, á hora de controlar xogadores de todos os equipos?

Si, si, gústame bastante saber quen está, onde estivo, que carreira fixo… Gústanme esas cousas.

Contenido patrocinado

stats