O Celta fornece o dicionario
A Real Academia Galega incorpora o termo que identifica os futbolistas formados nas categorías inferiores e amplía o significado deportivo de "canteira" por iniciativa do club vigués
En tempos en que o respecto ás linguas case non existe, o que xera un mundo no que as verbas perden todo o seu valor e as sentencias -por contundentes que semellen- son falsas, o Celta deu onte un paso fundamental para ser e estar en Vigo e en Galicia: colaborou en deixar pegada oficial do vocablo canteirán-á e de ampliar o significado de canteira, dándolle o senso deportivo de escola. Unha extensión do acervo lingüístico do galego con que a entidade celeste acada un fito que non recollerán os marcadores, pero si os libros e os corazóns.
Trátase, asemade, dun capítulo máis dentro da política cultural que está a levar a cabo o club nos últimos anos, cando perdeu o medo ó propio e descubriu que, da súa man, pode pasear o mundo enteiro. Nas cacholas benpensantes do departamento de comunicación e márketing -ben farían en atoparlle outra denominación máis nosa- ferveu a inquedanza de non atopar no dicionario esas verbas que tanto se empregan no día a día dos equipos celestes: canteira e canteirán. E a sabendas de que nada agroma se non se sementa, houbo comunicación coa Real Academia Galega da Lingua polas canles xa fixadas en anteriores consultas. Coa mesma naturalidade coa que se fala, os académicos recibiron a solicitude con seriedade e agarimo para, logo do estudo preciso, engrosar unha viraxe máis ó termo canteira e darlle vida oficial ó de canteirán-á.
“Canteirán non estaba recollida, propuxémosllo á Academia e a súa predisposición foi total”
Con humildade, o Celta está a ser un actor moi importante na normalización lingüística
“Hai cousa dun ano, decatámonos, ou máis ben recordamos, que a palabra canteirán non aparecía no dicionario”, relata, coa finura profunda propia da persoa en cuestión, o encargado de márketing -ata que atope outro xeito de nomealo- do club, André Taboada. “Como temos xa certa relación coa Real Academia, un pouco froito destes anos de traballo en torno ás raíces e á identidade, xurdiu unha conversa moi natural con eles. Propuxemos a posibilidade de introducir canteirán e canteirá no dicionario e acompañar ese termo cun exemplo de uso que incluíse o nome do Celta, como ó final foi”, engade, referíndose a esa frase que acompaña ó novo termo e que pon ó Celta no dicionario: “Vinte e dous canteiráns debutaron co Celta nos últimos dez anos”.
Hai unha semana, o desexo tomou corpo, recoñecendo a RAG a iniciativa do Celta. “É todo un orgullo sentir que seguimos contribuíndo, máis aló do terreo de xogo, á nosa lingua e á cultura galega. Penso que, conta a humildade, non é esaxerado dicir, e non son o primeiro que o di, que o Celta se está a converter nun actor moi importante na normalización lingüística en Galicia. Así pois, contentísimos”, sinala Taboada coa ledicia de quen é parte dun grupo que creu nunha idea e que a mira crecer.
Sempre coa teima de “facer máis forte o galego e facer máis forte a identidade galega para que, ó final, o beneficiado sexa o conxunto do deporte galego e o conxunto da sociedade”. Amén.
A nova entrada fala de “persoas talentosas”
A entrada de canteira do dicionario engade agora dúas acepcións: “lugar ou institución de procedencia de persoas talentosas para unha actividade especializada, particularmente no ámbito deportivo” e “conxunto de deportistas que se forman nun mesmo club”. Respecto ós termos canteirán e canteirá, entran no DRAG coa súa dobre condición de adxectivo, “que se formou na canteira do seu club”, e substantivo, “deportista que se formou na canteira do seu club”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último