Borja Iglesias: “É un luxo xogar con Iago Aspas e teño moitas ganas de axudalo e desfrutalo”
Borja Iglesias poderá actuar contra o Betis porque o contrato de cesión non ten cláusula do medo
Custa lembrar un momento no que Borja Iglesias non estivese a sorrir na súa presentación, desta volta ó xeito de rolda de prensa. O dianteiro compostelán chegou á sede dende a cidade deportiva de Mos, onde completou o seu primeiro adestramento co grupo tras un par de días traballando en solitario. Canda el, Sergio Álvarez e Marco Garcés. E a ilusión perpetua por cumprir o dobre soño que non puido cristalizar na etapa anterior: ser futbolista do Celta e compartir camisola con Iago Aspas.
“Para min é un luxo”, recoñeceu. “Estou con moitas ganas de axudalo e de desfrutar do que lle quede, que será o que a el lle apeteza. Ten moitísimo talento e o vive o fútbol con paixón, que é o fundamental”, suliñou.
Borja seguiu a mentar a Aspas, xa que o morracense e Kevin falaron con el para botar un cabo a cristalizar a súa volta. “Foron importantes, mais tampouco sinto que tiveran que convencerme moito porque en canto houbo a posibilidade, xa estaba prácticamente convencido”, analizou o santiagués. “Sentir que hai xente dentro que te coñece e te anima a vir e que fala do progreso do clube sempre axuda máis”, engadiu o dianteiro, que tamén agradeceu ver á presidenta e ó director deportivo “moi ilusionados” co seu regreso.
Precisasamente Garcés desvelou que Iglesias non ten a famosa cláusula do medo no seu contrato de cesión, o que quere dicir que poderá xogar contra o Betis se Claudio Giráldez así o decide. O que non quixo valorar o futbolista é se este préstamo pode rematar en compra. “Non o sei. A día de hoxe son xogador do Betis. Non sei que pasará”, comentou.
No que respecta á tempada, o dianteiro centro santiagués é optimista. “Vexo moita ilusión, moito nivel e moito traballo. Hai unha sensación moi boa. Coido que vai ser un bo ano”, avanzou. “A acollida foi moi boa. Síntome agradecido polo agarimo e pola cantidade de mesaxes que recibín. Todos estamos en sintonía”, destacou sobre o contacto cos siareiros neste primeiros días en Vigo, onde agarda encaixar no modelo Giráldez. “É algo ilusionante”, rematou.
Contenido patrocinado
También te puede interesar