Portada

Son horas, son dereitos: o profesorado en folga

Cartas al director

Son horas, son dereitos: o profesorado en folga

 Baixo este lema todo o profesorado galego está convocado á folga o próximo xoves 12 de decembro. Directo e conciso: falamos de reducir as horas de traballo directo con alumnado mantendo o noso horario global mais sobre todo falamos de recuperar dereitos laborais. Sen tocar as horas totais de traballo que como funcionariado nos corresponden, urxe cambiar a súa distribución.
O profesorado galego sufriu un recorte xeneralizado dos seus dereitos laborais na última década. Perdemos un poder adquisitivo que nin recuperamos nin se prevé que poidamos recuperar en décadas, mais sobre todo empeoramos as nosas condicións de traballo. Traballamos en aulas con ratios avultadas, cun alumnado cada vez máis heteroxéneo, facendo fronte a necesidades de apoio sen os recursos profesionais suficientes. Impartimos materias que non son propias nin da nosa formación académica nin da nosa experiencia profesional. Estamos saturados de burocracia e a nosa participación na toma de decisións nos propios centros está baixo mínimos cun modelo piramidal que se estende e fortalece coa LOMCE. 
Os recortes de profesorado eliminaron ou reduciron drasticamente os desdobres para mitigar as ratios elevadas, o aumento do noso horario lectivo reduciu a capacidade de coordinación e de dinamización nos centros, xusto coa chegada de ducias de programas e plans, moitas veces presentados pola Consellaría sen rigor nin contraste, seguindo a vella consigna do “facer que se fai”. 
A toda esa realidade sumouse unha medida especialmente regresiva para o profesorado galego, tanto desde a perspectiva individual, no que ten a ver coas condicións nas que impartimos docencia e traballamos nos nosos centros, como desde a colectiva, coa perda de arredor de 1.200 postos de traballo en secundaria e un empeoramento da coordinación dos equipos docentes e da atención ás tarefas colectivas e ao noso alumnado. Esa medida foi a ampliación do horario lectivo a 20 horas en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial no ano 2012 e a 25 en infantil, primaria e educación especial no ano 2011. 
Coa convocatoria dunha folga pola recuperación das 18 e 21 horas lectivas en secundaria e primaria respectivamente non ansiamos traballar menos horas senón facelo noutras condicións, naquelas que tivemos até a chegada dos recortes dos gobernos do PP. Queremos ter menos horas de docencia directa porque necesitamos máis tempo para as demais funcións que un centro precisa no seu día a día. Queremos paliar o enorme deterioro das nosas condicións laborais: reducir as materias afíns, recuperar os postos de traballo recortados coa ampliación horaria e que tanto afectaron ao persoal interino en particular e aos centros en xeral. Queremos, en fin, unhas mellores condicións de traballo para podermos ofrecer un mellor servizo público:  o dunha educación pública de calidade que non pode facerse de costas ao profesorado.