Imposición dun tanatorio en Pazos de Borbén

Nun reino non tan remoto, chamado Pazos de Borbén, un grupo de sabios gobernadores municipais, valentes e afoutos, loitan contra o sentido común haxa vento ou marea. Teñen por fortaleza, pero non inexpugnable, a casa consistorial, casa onde callan as súas grandiosas ideas. Parte desas maxestosas manifestacións do pensamento contemporáneo, exprésanse co seu maior esplendor na parroquia de Amoedo, desta vez e para gloria dos seus promotores, na imposición dun tanatorio.

Jorge Álvarez García
Publicado: 23 mar 2009 - 11:55 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:33

Facendo caso omiso a veciños do lugar e ao bo rexo en particular, construirán o tanatorio preto das vivendas; da escola de párvulos; da Casa dos Xubilados; dun restaurante; dunha pista deportiva; da Casa Cultural e Veciñal de Amoedo; dun lavadoiro público; dun parque de xogos infantil; do torreiro da festa e sabendo estes sabios o importante que é a risa para manter un ambiente agradable no seu reino, poñen o seu toque persoal de humor negro construíndoo tamén preto dunha residencia de anciáns. Deben crer estes sabios mandatarios que o que eles fan, ben feito está, porque nós, veciños de Amoedo... xente de aldea, non debemos estar capacitados para decidir sobre o porvir da nosa parroquia, por iso eles deciden o qué, como, onde e cando. Desde a Comunidade de Montes de Amoedo, ofrecéuselle ao goberno municipal do Concello de Pazos de Borbén, terreo comunal desta parroquia para que situaran o tanatorio noutro lugar máis axeitado. Déuselles a escoller o lugar que eles quixeran, pero estes desbotaron tal oferta sen que tomaran as máis mínimas molestias de explicarnos os motivos de tal decisión. A Asociación de Veciños, pola súa banda, mantivo unha xuntanza co seu Sr. Alcalde onde se lle intentou explicar porqué o sitio escollido non era o máis apropiado. Durante esa conversa preguntóuselle se lle gustaría ter un tanatorio enfronte da súa casa. Dixo que non vía ningún problema. Claro está, ante esta resposta que amosaba tanta predisposición, non puidemos desaproveitar a ocasión de pedirlle que o trasladara para diante do seu fogar. Só obtivemos como resposta a tal petición, que o Sr. Alcalde baixara a mirada para a mesa sen dicir palabra, ousexa ‘Non dixo nin muu!’ A verdade é que cando rematou a xuntanza tiñamos a sensación de ter falado coas paredes. Non é que os que vivamos en Amoedo esteamos encontra do tanatorio. Só queremos que as cousas se fagan aplicando unha regra básica. A regra do sentido común. E certo que hai tanatorios cerca de casas, incluso no centro de núcleos urbanos, pero a posible falta de espazo físico doutras vilas, non xustifica que se teña que facer o mesmo neste concello, máis, cando non é terreo o que falta senón vontade política para facer ben as cousas. A día de hoxe nada mudou. O concello segue nas súas trece preparado xa para acometer as obras e Amoedo segue crendo que as cousas se poden facer mellor como por exemplo, que a construción de calquera infraestrutura debería vir acompañada de un estudo previo, serio e rigoroso que demostre a necesidade real da mesma para o municipio, e non construír por calquera sitio calquera cousa e dicir que ‘fago algo’ ou sinxelamente por evitarse andar con papelame para buscar un sitio mellor. A falta de respecto e consideración por parte do grupo municipal de goberno que cree que pode facer e desfacer ao seu antollo por obra e graza divina é abraiante.

Contenido patrocinado

stats