A historia interminable do Mosteiro de Oia

Publicado: 12 mar 2021 - 21:26

Como natural de Oia, síntome na obriga de poñer de manifesto o sentimento de vergoña e impotencia que me causa ter que ler durante máis de catro décadas, as continuas novas co mosteiro lle afectan.

Constantes promesas e proxectos de futuro que rematan todos e cada un deles, noutra desilusión, en palabras valeiras que se perden no abismo e deixan albiscar o xa arraigado abandono da xoia cistercense.

En innumerables ocasións fálase de investimentos, de reformas, de restauracións e de ampliacións. De novos donos, diferentes gobernos, diferentes épocas… Pero o mesmo resultado: a actual e percetible situación ruinosa do monumento.

Como é posible, que pasados máis de trinta anos de informacións públicas, de supostos acordos de centos e centos de euros e de infinitas propostas, o mosteiro siga no mesmo ou incluso aínda peor estado de conservación que nunca antes na historia?

Se revisamos a hemeroteca, podemos confundir unha noticia do ano 2000 cunha de fai escasos meses. É unha repetición constante carente de veracidade. Despois de leer unha ducia de veces noticias o respecto, de diferentes fontes e diferentes datas, a única conclusión que pode sacar en claro o lector ben informado, é a de que se trata doutro despropósito máis, o que remata nunha falta de respeto a historia do mosteiro, do municipio e da súa xente.É unha magoa non querer sacarlle partido a un espazo tan emblemático e de tanta historia do que goza Oia, o cal atrae milleiros de adeptos que se atopan co lugar completamente esquecido polas institucións e polos medios de comunicación. A primeria base dun medio e a súa identidade deberían de basarse en contar a realidade da situación, no lugar de continuar permitindo todo este circo.

Ogallá dunha vez se atope unha solución para o mosteiro e se remate coa máis vergoñenta historia recente que se coñece do santuario e da parroquia.

Contenido patrocinado

stats