Vigo

O vigués Fran Núñez, ao fronte do Centro Dramático Galego

Vigo

vigo

O vigués Fran Núñez, ao fronte do Centro Dramático Galego

Fran Núñez, novo director do CDG.
photo_cameraFran Núñez, novo director do CDG.
O director e actor coordinará a producción teatral de Agadic e tamén do Salón Teatro

 O director de escena e actor vigués Fran Núñez foi contratado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a coordinación do departamento de Produción Teatral, que inclúe a dirección do Centro Dramático Galego (CDG). Tal e como notificaron onte fontes de Agadic.

Fran Núñez é primeiro titulado pola Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, sita en Navia, en ocupar este cargo. Ante este fito as redes sociais enchéronse de comentarios e parabéns entre os compañeiros de promoción. Así, o tamén actor Fran Peleteiro adícalle unhas palabras a quen foi amigo da infancia e compañeiro de estudos: “Hai ben tempo que se converteu nun agudo director escénico e hábil xestor teatral; agora será o máis novo director da compañía pública na súa historia; o primeiro engresado da ESAD en ocupar o posto; un gran futuro agárdalle ao DGG con el ao fronte, estou seguro; moito ánimo e determinación querido amigo; a tarefa non é doada, pero se alguén podo, es ti”.
Dende a compañía onde comezou, a viguesa Lohengrin Teatro, dábanlle as grazas por aumentar e difundir os valores que compartimos: “Hai uns días a nosa compañía celebro tres décadas de traxectoria; hoxe un dos nosos antigos compoñentes, o cal vimos crecer como persoa e como amante da cultura, convértese no novo director do Centro Dramático Galego, felicidades!”.

Con este acordo, publicado onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), finaliza o procedemento de convocatoria pública iniciado o pasado 31 de agosto. Nos vindeiros días farase efectivo o nomeamento  e só entón fará declaracións ante os medios. O vigués obtivo a maior puntuación en cada unha das tres fases do proceso, que incluíron unha valoración dos méritos achegados, dun proxecto artístico e unha entrevista persoal. Entre as tarefas asignadas a este posto de persoal directivo están as de exercer a dirección artística do CDG, así como dirixir, coordinar e planificar o persoal e o Salón Teatro.
Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Comentarios