O centro museístico acolle dende onte unha nova exposición que difunde a diversidade lingüística e marca a nova época en Samilt

“Vigo, cidade Babel” amosou o novo rumbo do Verbum

Atilino Capcha Valverde, veciño de Vigo e orixinario da rexión peruana de Ancash, é falante de quechua na cidade.
“O noso obxectivo é amosar a diversidade lingüística, visualizando aspectos sociais, xurídicos e políticos que lle afectan, ao tempo que alertamos ante a perda desta riqueza”. Así, o profesor da Universidade de Vigo e comisario científico da mostra, Fernando Ramallo da as claves para entender unha análise, onde o protagonismo xira no contorno da comunicación humana, ben sexa oral, ben por sinais.
Para iso, con Sabela Pato como comisaria técnica e co interiorismo de Designe Edenia cambiou drasticamente a imaxe da entrada do Verbum cunha das propostas expositivas máis interesantes que ten acollido o museo nos últimos tempos.
Dous mapamundi, a recreación de tres salas de estar, varios alzados a escala de gráficos porcentuais ou proxeccións en bucle con testemuñas reais desta cidade son algúns dos elementos que envoltos cun gran estilismo van marcar o inicio dunha nova etapa no Verbum trala aprobación do Plan Museístico.
A mostra divídese en tres ámbitos: as linguas no mundo, en España e en Vigo. Un estudo novidoso cheo de datos anecdóticos das case 7.000 linguas internacionais e das catorce que existen actualmente en España: ademais das catro oficiais (castelán, galego, euskera e catalán), do valenciano e do bable inclúese aranés, aragonés, arabe ceutí, tamarí de Melilla, calo, fala, portugués extremeño e a linguaxe de sinais. Ramallo advirte que nesta enumeración non segue o concepto clásico, que discrimina as linguas segundo teñan territorio, tradición e gramática. “Linguas son todo o que permiten a comunicación”. Entre o 70 e o 80 por cento das linguas están en perigo de desaparecer: “Oficialmente o galego, con máis nun millón de falantes, non están entre os idiomas en alerta; mais, se temos en conta a perda xeracional, o desprestixo actual si se podería incluir”.
Entre as pezas máis reseñables da mostra están as 33 variacións idiomáticas que se falan en Vigo, coas 21 linguas inmigrantes; así como o enfrontamento dun galegofalante de Teis cun neofalante do Calvario.n

Te puede interesar