Atlántico

GALA DO DEPORTE DE ELITE

Unha Pontevedra de elite

A Deputación de Pontevedra rendiu homenaxe a máis de 200 deportistas nun gran acto
Foto de grupo cos deportistas e representantes públicos que se reuniron na tarde noite de onte na escalinata exterior do Pazo en Pontevedra.
Foto de grupo cos deportistas e representantes públicos que se reuniron na tarde noite de onte na escalinata exterior do Pazo en Pontevedra.
Unha Pontevedra de elite

A escalinata exterior do Pazo da Deputación foi onte escenario da primeira Gala do Deporte de Elite que impulsou a institución provincial para render homenaxe e recoñecer ás figuras dos e das deportistas de alto nivel e das promesas do deporte: "Sodes heroínas e heroes. Un exemplo. E queremos, con este acto, rendervos unha homenaxe de toda a provincia. Unha homenaxe a vós e ás vosas familias, polo seu compromiso, por non renderse nunca”, manifestou Carmela Silva, presidenta do ente provincial.
No acto rendeuse homenaxe a máis de 112 deportistas que acadaron a categoría 'DepoDan' e a máis de 71 'DepoPromesa', que reciben, deste xeito, apoio da institución provincial para participar en competicións deportivas. "Os vosos éxitos son os éxitos deste territorio. Vivimos no paraíso e vós sodes o mellor deste paraíso”, asegurou Silva.
Na gala atopáronse, entre outros, deportistas como Pablo Graña, Jenifer Casal, Tamara Echegoyen, Solange Pereira, Nico Rodríguez, Martín Wizner, José Antonio Saavedra, Pablo Dapena, Susana Alonso, Raquel Meaños, Rodrigo Conde, Carla Frieiro, Antonio Serrat, Pedro Ameneiro e Paloma e Paula González Esteban. Moitos e moitas deles e delas tiveron a oportunidade de compartir as súas experiencias e vivencias. Outros e outras como os piragüistas Rodrigo Germade, Teresa Portela, Antia Jácome, Sergio Vallejo ou Adrián Siero non puideron estar presentes no acto por compromisos deportivos, en concreto por estar participando no Test Olímpico.
Ademais, no transcurso da Gala tamén participaron iconas do deporte pontevedrés como Carlos Pérez (atleta bo Xogos de México 1968), Franco Cobas e José Luis  Méndez (remeiros tamén en México 1968), así como o exclicista Álvaro Pino e a exárbitra de balonmán Cristina Fernández.

Experiencia propia
Carmela Silva non dubidou en tirar da experiencia propia para explicar o sacrificio destes deportistas. "Son nai dun deportista de elite –o futbolista Iago Falque–e teño vivido en primeira persoa bágoas, temor a non conseguir os obxectivos. Teño vivido fracasos e éxitos; renuncias do meu fillo a saír coas súas amigas e amigos, a non comer o que lle apetece. Téñoo visto chorar cando se lesionaba e estaba no momento máis importante da súa carreira e ter que volver a comezar de novo…", concluiu.n