Rosa Fontaiña, Coordinadora de Rede de Mulleres contra os Malos Tratos

“Todo o sistema falla e para loitar contra o maltrato é necesaria a prevención social”

Rosa Fontaiña pechará as xornadas formativas das Redes.
Rosa Fontaiña é a coordinadora das Redes de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos dende o seu local na rúa Oliva, 12. A función principal deste organismo é prestar atención, asesorar e acompañar ás mulleres víctimas de violencia de xénero. Segundo as súas últimas comparecencias, a crise ten aumentado o número de víctimas con fillos ao seu cargo.
Coas novas necesidades que se presentan, as mediadoras da Rede están con constante reciclaxe. Estes días lévase a termo as xornadas de formación, que serán clasuradas por Fontaiña coa charla sobre as experiencias da Rede, das que conversou con este medio.

Que é o que debe saber unha persoa que vai tratar cunha víctima de Malos Tratos?
Teñen que ter sensibilidade para recoñecer á muller con problemas. É moi importante ter empatía coa víctima. Non serve todo o mundo. Na Rede temos un protocolo que seguen as mediadoras é que asegura a discreción e a confidencialidade.

E isto pódese aprender nas xornadas de formación?
A xente que traballa na rede recibe unha formación regular en violencia de xénero tódolos anos. Nunha primeira fase danse a coñecer como funciona o xulgado, a Policía ou os médicos, e cadansúas funcións. E na segunda, unha psicóloga clínica da as pautas de comportamento nesta situación.

Por que non hai ningún home mediador?
A rede tentou dar participación aos homes. Pero non deu bo resultado, xurdiron problemas. As mulleres son agredidas por homes, polo que resulta máis axeitado que sexan as mulleres as que lles presten apoio. O que non quita que haxa homes sensibilizados, como os que teñen fillas entre as víctimas.

Hai solución para acabar coa violencia de xénero?
Non é algo que se poida erradicar. Vivimos nunha sociedade machista, onde o home quere impor a súa vontade. Para que isto cambie ten que pasar moito tempo. É preciso Educación na Igualdade, que non se está impartindo nos centros de ensino privado; nos públicos a situación está mellor.

Os educadores advirten de que os nenos repiten os roles de discriminación por xénero, é o antecedente do maltrato?
A mocidade fai o que ve e repite os comportamentos machistas que ten na casa. Non son necesarios os golpes para que haxa malos tratos.

As estatísticas din que coas denuncias aumentan os asesinatos de mulleres, esto é así?
Si. Matan cando a muller quere romper con denuncia ou simplemente marchando da casa. Se ela non fai nada, nen busca a súa liberdade, os maltratadores non reaccionan matando porque as teñen onde queren.

Que é o que falla no sistema para que non se lles protexa como merecen?
Falla todo o sistema. Moitos casos que acaban en morte denunciaron insistentemente sen que se fixera nada. Os médicos teñen que saber quen sofre violencia. Para loitar contra isto é necesario traballar na prevención e aí entra toda a sociedade.

Ata que punto ten que chegar esta implicación?
As denuncias pódense facer en contra da vontade da víctima, que en moitas ocasións non o recoñece. Se sei que a miña veciña está sendo maltratada, teño que dar o aviso.

Hai casas de acollida dabondo para dar resposta á demanda?
Non. Hai menos centros que antes e a necesidade segue sendo a mesma. Agora en Vigo non hai centro de acollida, hai centro de emerxencia e pisos de saída, que dan servizo a 20 persoas.

Te puede interesar