Quico Comesaña: "Volvo tocar ao teatro do meu último concerto"

O fundador de Berrogüetto estará este venres no García Barbón co seu último traballo “Mae”, tras nove anos sen actuar

Publicado: 07 jun 2023 - 04:31 Actualizado: 07 jun 2023 - 08:39

Quico Comesaña, dereita, cos seus compañeiros de concerto.
Quico Comesaña, dereita, cos seus compañeiros de concerto.

Carmen Gallego, violín y nickelharpa; Marcos Padrón, co acordeón; Leandro Deltell, coa percusión e Paula Oanef na arpa celta acompañarán no seu regreso aos escenarios a Quico Comesaña, fundador de Berrogüetto, que co guitarra acústica defenderá o seu último traballo, “Mae”.

A cita será este venres nun lugar moi especial para o intérprete, o García Barbón. “Os concertos en Vigo sempre producen nervios, aínda que sexan suaves, e máis porque volvo tocar ao teatro do meu último concerto”, a despedida de Berrogüetto en 2014.

Chega cun proxecto novo, que se fraguou en anos. “O proceso creativo foi moi lento por moitas causas, quixen desconectar da música e reiniciarme, amais tiven un problema de saúde que me impediu tocar activamente, e somos como atletas que deixan de entrenar, non foi que tivera que aprender a tocar de novo”. Unha doenza provócalle dores moi fortes nas mans, pero a base de tratamento puido sobrelevalas.

Cun concepto moi diferente aos discos de folk, propón unha estrutura con sons progresivos, repartido en catro pezas de dez minutos que funcionan como unha sinfonía, unidas por melodías: Clorofila, sobre o mundo vexetal; Marea, sobre a auga; Animal Sapiens, sobre o reino animal e Terranea, plantexando a Terra como o planeta onde conviven tódolos elementos. Os temas, instrumentais, xiran en torno a un tema, a natureza e a ameaza da contaminación. “Non me importa que sexa algo moi tratado, non está de máis seguir falando deste problema, é moi grave”.

Comesaña, natural da parroquia de Navia, recuperou as súas lembranza da nenez para compoñer este traballo: “Cando pensei como tratar á natureza, busquei esa sensación na miña vida, tiven que facer unha regresión á miña infancia e adolescencia, rescatei esa realidade feliz e fixen o exercicio de comparación, pódese apreciar como mudou as fragas e as praias”, afirma. Agardando por coñecer a reacción da xente, acude con moita gana a estrea do seu disco máis comprometido. Tampouco será un concerto ao uso, propón unha experiencia sonora para deixarse levar con xogos lumínicos e proxeccións vencelladas a cada tema.

Contenido patrocinado

stats