Tres protagonistas das Letras galegas

Rocío Leira (Premio Jules Verne), María Solar (Premio Xerais de Novela) e Anxo Iglesias (Premio Merlín) recolleron onte os seus galardóns no Museo do Mar.
photo_camera Rocío Leira (Premio Jules Verne), María Solar (Premio Xerais de Novela) e Anxo Iglesias (Premio Merlín) recolleron onte os seus galardóns no Museo do Mar.
A gala dos Premios Xerais tivo lugar no Museo do Mar,  tras meses de a coñecer o fallo dos xurados que distinguía  a María Solar, con “A culpa” (Premio Xerais de Novela); Rocío Leira, con “Cicuta para dous” (Premio Jules Verne) e Anxo Iglesias, con “Unha nova dimensión” (Premio Merlín)

Os tres galardóns dos Premios Xerais 2022 xa foron entregados aos seus gañadores: María Solar, con “A culpa” (Premio Xerais de Novela), Rocío Leira, con “Cicuta para dous” (Premio Jules Verne) e Anxo Iglesias, con “Unha nova dimensión” (Premio Merlín). Co fallo dos xurados coñecido xa en xullo e os libros dispoñibles nas librarías, onte o Museo do Mar acolleu a gala dos premios coa maior dotación económica da Literatura galega. 

“Como non emocionarse? Hai tanto traballo detrás dunha novela, como non emocionarse cando recibes un premio que vés lendo e coleccionando desde a adolescencia?”, preguntábase María Solar ao recoller o galardón á súa novela “A culpa”, que lle levou anos escribir: “Ides atopar n’A culpa un thriller adubado de novela negra, no envoltorio, e unha novela máis literaria e psicolóxica, no corazón”. Pola súa parte, Rocío Leira dedicou o seu libro “a aqueles que se permiten o luxo de cuestionar as cousas, a aqueles que son capaces de observalo todo baixo perspectivas diferentes”. Para Anxo Iglesias, quen gañou coa súa primeira publicación, destacou que sexa unha obra escrita en verso.

O acto, presentado pola actriz e escritora Sabela Hermida, foi inaugurado cun discurso do director de Xerais, Fran Alonso, que felicitou aos gañadores e agradeceu o traballo dos xurados. “Estes libros son o resultado do esforzo enorme de dúas escritoras e un escritor por pensar, imaxinar e crear desde o entusiasmo, querendo capturar o mundo para darlle forma e devolvelo remodelado, con esa visión prodixiosa que é a literatura”. Ademais, tivo palabras de agradecemento para o equipo de Xerais, así como para “unha sociedade amiga e cómplice”. Neste sentido, destacou a “prodixiosa literatura dun país pequeno” que acadou 25 premios nacionais nas últimas décadas e 11 dos últimos 23 premios Lazarillo convocados. 

Alonso falou tamén da preocupación de Xerais polo estado da lingua galega, que perde falantes entre as xeracións máis novas. Desa preocupación xorde o isologo «Fálame Sempre», de Pepe Barro, co que a editora quere abrir unha liña de publicacións arredor desta cuestión, como O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, ou Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota. “O futuro da lingua galega é tamén o futuro de Xerais, o futuro da edición galega, o futuro da literatura galega e o futuro da nosa cultura”, dixo. Ismael Ramos pechou o acto cunha lectura dalgúns dos seus poemas recollidos na obra Lixeiro, editada por Xerais e pola cal acadou o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández neste ano.

Te puede interesar