ELECCIONES 12-J

Pontón: “Votar BNG é dicir que é o momento de Galicia”

A candidata do BNG, Ana Pontón, recalcou que é posible un cambio para un “goberno leal co país”.
photo_camera A candidata do BNG, Ana Pontón, recalcou que é posible un cambio para un “goberno leal co país”.
A portavoz nacional e candidata do Bloque fixo un chamamento ao “cambio leal para Galicia” no mitin celebrado onte en Vigo
 “Temos que defender o futuro e o 12 de xullo hai que cambiar o modelo confiando no BNG. Votar BNG é dicir que este é o momento de Galicia”, afirmou Ana Pontón, portavoz nacional e candidata do Bloque á presidencia da Xunta. A líder nacionalista participou nun multitudinario acto –con máis de 700 asistentes nas cadeiras habilitadas e nas gradas– no que destacou a ilusión coa que o BNG afronta os derradeiros días de campaña para acadar un goberno “leal co país”. “Este país non se merece un presidente oportunista. O BNG é unha proposta polo futuro e unha mostra ad confianza en nós mesmos, frente o inmobilismo do PP e a sumisión a Madrid doutros partidos”, asegurou.
A candidata do BNG apostou dende Vigo a facer historia sendo a primeira muller presidenta da Xunta, recordando o “espíritu loitador dos traballadores desta cidade que defendeu a sanidade pública”. Neste sentido, Pontón tivo un momento para recordar a situación na Mariña co rebrote pola Covid-19, lamentando que Núñez Feijóo “cando ten as competencias non sabe actuar e minte coa xestión dunha pandemia ao dicir que o brote está controlado, para 72 horas despois confinar a toda a comarca da Mariña”. 
Pontón comprometeuse a pór a sanidade no centro das políticas públicas, reforzar o naval, defender o mar e mellorar as infraestruturas de Galicia, acadando un mercado laboral sen precariedade e con oportunidades para a poboación galega que tivo que emigrar por mor da crise de 2008. No tocante a Vigo, a líder do BNG lamentou que a Xunta “só propoña luces para a ponte de Rande e competir coa organización do Nadal mentres se esconde por deixar as caixas de aforros en mans dun empresario venezolano ou prometendo reflotar o naval cun acordo con Pemex que deixou tirado Barreras”.
No acto tamén participou o edil vigués Xabier P. Igrexas, quen  sinalou que “Vigo quere ser motor do cambio”, mentres que a eurodiputada viguesa Ana Miranda manifestou que “Galicia é moito máis que Feijóo”. Pola súa banda, o deputado no Congreso Néstor Rego destacou na dársena da Laxe que “é o momento de acabar co goberno do PP antes de que acaben con Galicia”. Por último, os candidatos provinciais Luís Bará, Montse Prado e Alexandra Fernández puxeron en valor que é o tempo de “soberanía ou máis sumisión”. 

Te puede interesar