Un podcast vigués faise co “Vello dos Contos”

O IES Politécnico gaña o concurso cun programa sobre Luisa Villalta

Os alumnos de 1º de bacharelato do IES Politécnico e o seu profesor, Kike Estévez co presidente da RAG, Víctor Freixanes; Aser Álvarez, de Arraianos e Valentín García, da Xunta.
Os alumnos de 1º de bacharelato do IES Politécnico e o seu profesor, Kike Estévez co presidente da RAG, Víctor Freixanes; Aser Álvarez, de Arraianos e Valentín García, da Xunta.

Os alumnos de primeiro de bacharelato do IES Politécnico fixéronse esta semana co premio “O vello dos contos”, convocado por Arraianos Producións. Compartiron o primeiro posto co IES de Melide, co seu podcast “Luísa Villalta, un ruído provocado”, un traballo realizado para emitir polas Letras Galegas na emisora que recuperaron este ano no instituto. Os alumnos e o seu profesor, Kike Estévez recolleron o galardón este venres no IES Rosalía de Castro, onde acudiron sen saber que eran os gañadores.

Estévez, que chegou este curso ao Politécnico, suma unha distinción máis ao seu palmarés. Así, cos de segundo de bacharelato logrou catro dos sete premios literarios “Cousas”, que outorgou o Concello de Rianxo. “Imparto na especialidade de artística, polo que en febreiro lles propuxen darlle unha volta máis moderna á imaxe de Castelao para facer unha exposición, un mes despois xurdíu este certame, que pedía unha ilustración renovada de Castelao acompañada dun texto, presentáronse seis, entre eles Mateo que acadou o segundo premio e Adrián, que se fixo co terceiro, amais de traer tamén dous accesit para o instituto”.

Cos da súa titoría de primeiro da ESO lograron un día no parque acuático de Cerceda (Aquapark) coa regueifa “Sen Fume”. Logrou o accésit no concurso “Aulas sen fume”, da consellería de Sanidade.

E cos alumnos de terceiro da ESO foi finalista entre máis de cen propostas nos Premios Dígocho Eu co vídeo “O galego de Vigo”. “É moi satisfactorio porque todo o que se fai está sendo recoñecido; se non foran premiados tampouco pasaba nada, pero gusta”, afirma Kike Estévez, do departamento de galego, para quen “aprender non só significa aprender o do libro; hai que facer actividades para sacer esos prexuízos que aínda teñen sobre a lingua e apoiar o noso idioma”. Como docente aposta por “aproveitar eses recursos que nos dan para dar un empurrón”.

Contenido patrocinado

stats