Olga Novo: “Nacín nunha pequena aldea; é o horizonte dende onde contemplo o mundo”

Olga Novo, onte, no acto organizado polo Ateneo Atlántico.
photo_camera Olga Novo, onte, no acto organizado polo Ateneo Atlántico.

Olga Novo (A Pobra do Brollón, 1975), Premio Nacional de Poesía 2020 co libro “Feliz idade”, participou onte no clube de lectura do Ateneo Atlántico para comentar precisamente este poemario, que a autor presentou en declaracións a Atlántico como unha obra “intimista que conecta con experiencias vitais”. 

Recibir o Premio Nacional supuxo un punto de inflexión?

Non. Este libro non estaba escrito para presentar a un premio, foi feito por unha necesidade vital de expresión, como sempre que se escribe con verdade. A creación non debe estar supeditada a galardóns ou a recoñecementos, se non son das persoas a quen están adicados; non teñen dimensións sociais.

Cando notou a chamada da poesía?

Escribo dende os 8 anos. Creo que esa capacidade é algo innato que logo hai que desenvolver. Teño recordos dende sempre en textos literarios. Cando aínda non sabía escribir xa tiña sensibilidade poética, foi algo que me trasmitiu a miña nai.

Foi importante o ambiente do súa casa?

Na casa había sensibilidade, pero non ambiente académico. Eran labradores, a miña nai non saíu nunca da aldea e na casa non había libros, nen sequera un dicionario. En principio o medio non favoreceu para nada o exercicio literario.

E as paisaxes do Lugo interior, de onde saíron grandes poetas?

Todas as zonas poden inspirar, hai autores que escribiron dende o cárcere; o medio non determina, inflúe en cada caso. Nacín nunha aldea pequena e é o horizonte dende onde contemplo o mundo, dende o seu carácter comunitario, onde as mulleres maiores me coidaban cando os meus país ían traballar.

A diferencia da súa nai, vostede si saíu da aldea. Como interiorizou o mundo?

Unha das preguntas máis recurrentes que fan é como poden aparecer nos meus textos léxico agrario e do culto. Sae de xeito natural da cultura tradicional herdada dos  meus pais e a académica que se funden de maneira igualitaria, sen ser unha superior á outra.

Hai algo que non poida dicir con poesía?

Podemos dicir as cousas doutro modo e abordar realidades profundas coa súa linguaxe que conecta coa intuición. Non sei se se pode tratar todo, hai cuestións como o amor que resultan moi difíciles de definir.

Te puede interesar