María Reimóndez, Emilio Sotelino, dúas corais e unha asociación súmanse aos Vigueses Distinguidos 2024

María Reimóndez, en el set de Atlántico.
photo_camera María Reimóndez, en el set de Atlántico.
Os novos nombramentos teñen que ver con ámbito cultural e asociativo, tras os deportivos e educativos do martes

O Concello deu a coñecer cinco nomes máis que recibirán o Vigueses Distinguidos o vindeiro martes, 26. Galardonaranse a título póstumo a Emilio Sotelino, director do grupo Lembranzas Galegas e fundador da Asociación Interfolk, falecido en 2015; as corais do Centro Cultural de Valladares e a de Atlántida de Matamá no seu 50 aniversario; a Asociación de Viúdas Demócratas e María Reimóndez, tradutora e escritora con máis de 50 obras.

Súmanse aos xa anunciados: o IES da Guía, o CEIP Lope de Veiga e o colexio Quiñones de León, a orquestra Son das Flores; o equipo de baloncesto Seis do Nadal, o Celta de atletismo e o Club Deportivo Coya. As Medallas de Ouro entregaranse á Policía Nacional no seu bicentenario e ao hospital Ribeira Povisa, polos 50 anos.

María Reimóndez: “A devoción que sinto por Vigo maniféstase na miña obra”

María Reimóndez naceu en Lugo, pero leva máis de 30 anos vivindo en Vigo, cidade da que se sinte, forma parte. “Sempre defendín que non temos que ter un só amor”. Recibiu con sorpresa, ilusión e responsabilidade o galardón de Viguesa Distinguida: “En todo este tempo nunca se me pasou pola cabeza que chegara un día a recibir este recoñecemento”. O seu nome foi proposto polo Bloque Nacionalista Galego entre outras cousas polo seu compromiso social, dende a ONG Implicadas no Desenvolvemento que durante anos tivo sede na cidade, pero tamén como figura literaria, onde a presenza de Vigo, como ela mesma di, “é fundamental na miña obra”. 

Confesa que lle irrita cando se relaciona a literatura viguesa de xeito exclusivo coa novela negra: “O meu primeiro poemario, ‘Moda galega’, é un percorrido polas rúas de Vigo en 2002, reviseino dez anos máis tarde, despois da crise de 2008; no ‘Clube de Calceta’ aparece Vigo de xeito velado e de forma máis explícita noutras como ‘Furia’ (Premio Jules Verne 2023); Vigo é unha constante na miña obra”, declara Reimóndez. 

Aínda que asegura non facer nunca nada con intención de recibir este tipo de recoñecementos, interpreta la asignación de Viguesa Distinguida ao amor que ten por Vigo. “A devoción que teño pola cidade, maniféstase organicamente na miña literatura". Recoñece que o nomeamento “aumenta un chisco  a responsabilidade coa cidade; o Concello é unha institución que debera representar a tódolos veciños: ao comité de empresa de Vitrasa, a Cartabón, Os Ninguéns, ao movemento social, a todo ese Vigo do que me alimento”.

Enrique Lorenzo: “A asignatura pendente é atraer á mocidade á coral”

Enrique Lorenzo dirixe dende 2009 a coral Atlántida que recibirá o título de Viguesa Distinguida polo seu 50 aniversario. “É un orgullo enorme recibir este galardón, fainos moitísima ilusión”. A agrupación está formada por 30 compoñentes, a maioría da parroquia, xa que está dentro da Asociación Cultural e Deportiva Atlántida. Os seus inicios estiveron vinculados a Xosé Alfredo Oliveira. “A asignatura pendente é atraer á mocidade á coral”, afirma o director, que vencella a agrupación a sociabilidade. “Os coralistas desfrutan ao vir a cantar, pero tamén de estar xuntos, hai moito compañeirismo”, afirma Lorenzo, quen compaxina o seu labor ao fronte da coral coa de director da Agrupación Musical desta Sociedade. Para conmemorar os 50 anos dende a súa formación, este verán participarán no festival coral de Verona que lles permitirá viaxar durante sete días por Italia, dando concertos en igrexas e centros sociais de cidades como Venecia. Na aventura, que terá lugar do 10 ao 16 de xullo, acompañaraa a coral de Valadares.

Así, os compoñentes están convocados dúas veces á semana aos ensaios. Está integrada en Fecoga e é unha das corenta agrupacións de Acopovi, que facilita concertos regulares. “É un lugar de encontro, onde poder facer música tradicional e de diferentes culturas”. Na súa traxectoria consta a participación no festival de Lorient (Francia), en León, Asturias ou Zamora; amais de concertos para o Televisión Española “Galicia para o Mundo”, as actuacións con Juan Pardo en Castrelos, con Jean Michel Jarre no Monte do Gozo na celebración do Xacobeo.

Te puede interesar