Imaxes para o derradeiro discurso de Castelao
VIGO
Ana Santiso presenta “Alba de Groria”, a plática polo Día da Patria
O derradeiro discurso de Castelao, dado en 1948 no Bos Aires polo Día da Patria galega, xa ten imaxes. Ana Santiso, a autora da medianera do polideportivo de Bouzas, iluminou “Alba de Groria”. O proxecto que se presentará no Marco o vindeiro martes, forma parte das iniciativas do centenario da Xeración Nós. Aínda que Galaxia publicou o album, a idea orixinal tivérona Xan e Chicho, do restaurante María Castaña, que lle encargaron as ilustracións para decorar as paredes do seu local.
Froito desta colaboración xorden nove láminas para ilustrar ao ilustrador galego por excelencia. Santiso recoñece o seu influxo na maneira de traballar: “A obra de Castelao chamoume a atención dende nena; máis adiante, xa na carreira, estudeina, quedándome sobre todo co seu aquel no emprego da liña; a súa influencia está presente no meu xeito de debuxar en xeral”.
O texto supón unha louvanza aos persoeiros máis relevantes da historia que conforman a ilustre estadea, un retrato colectivo da sociedade galega ao longo dos séculos: “Baseime nas descripcións e nos simbolismos empregados por Castelao, busquei fotografías ou pinturas, cando non había empregei a caveira cun vestir de época”.
Ana Santiso escolleu o branco e negro para as composicións de xeito intuitivo: “Penso que foi a elección axeitada para reflectir as luces e sombras do seu discurso, a noite e o día, o alba e o lume”.
Antiga alumna da Universidade de Vigo, a autora estará acompañada o martes polo editor, Francisco Castro e polo etnógrafo, Carlos Solla quen axudará a interpretar cada persoaxe da comitiva das ánimas.
Prisciliano, o emperador Teodosio e o papa San Dámaso abren a comitiva de ánimas de galegos ilustres que invocou Castelao en 1948.
Diego Xelmírez e o rei Afonso VII comparten protagonismo co Mestre Mateo e con trobadores como Afonso Eanes de Cotón, Martin Codax, Pero Meogo, Bernaldo de Bonaval ou Airas Nunes.
Rosalía de Castro, Pardo Bazán y Concepción Arenal son as única mulleres rodeada por Francisco Añón, Nicodemes Pastor Díaz, Curros Enriquez ou Eduardo Pondal, incluso Valle Inclán, entre a foresta.
O álbum finaliza coa ilustración do propio Castelao dando o seu derradeiro discurso “Alba de Groria” no Centro Galego de Bos Aires, ante o colectivo de migrantes galegos en 1948 co gallo do Día da Patria.
Contenido patrocinado
También te puede interesar