María Solar, Premio Xerais de Novela 2022

"Escribir é unha necesidade vital, sempre fun moi fantasiosa"

MARÍA SOLAR
photo_camera MARÍA SOLAR

María Solar (Santiago de Compostela, 1970) é a nova gañadora do Premio Xerais de novela coa súa proposta “A culpa”. Escritora e xornalista, ten obra tanto para adultos como para nenos, entre as súas publicacións destaca “Os nenos da varíola” (2017) ou “Quokka Moka” (2019). Na laboura de compaxinar os primeiros días de vacacións coas esixencias mediáticas do galardón, atende a Atlántico para explicar o especial desta distinción: “Amais de ser un premio prestixioso, ten un punto emotivo para min porque cando comezou, nos anos 80, era unha das lecturas que nos encargaban no instituto, logo acostumeime e seguín mercándoo cada ano, desta non fará falla”.

 

O libro sairá  en novembro, pero xa deu a coñecer que aborda unha relación entre dúas mulleres.

Son dúas tramas temporais, a central sobre unha amizada mantida no tempo entre dúas mulleres, que comeza cando son rapazas. Unha faille un favor moi grande á outra que lle queda en débeda toda a vida. Establécese unha relación de dominación, case enfermiza, entre elas. A segunda trama é a actual, protagonizada por una moza quen investiga estes feitos.

Está inspirada en feitos reais ou é todo ficción?

Non se basea en nada real. Fíxome nesas relacións centradas no control e na manipulación. A novela fala das culpas por ausencia ou por presencia. Nalgúns casos os que se sinten culpables son responsables, pero noutros cárgase co que pensa ou valora a contorna. As mulleres sabemos moi ben o que é cargar con culpas que impón a sociedade como ir con minisaia ou non facer o que se espera dunha boa nai.

Ten algunha culpa que se poida confesar?

Eu teño sentido moita culpa. Cando xurdiu este título estaba atravesando un cambio drástico de vida, estaba envolta nun divorcio amigable despois de case 20 anos de matrimonio e aínda que todo foi civilizado, non puiden evitar sentirme culpable por non seguir o modelo ideal.

Do seu perfil persoal, chama a atención a súa formación tan diversa. Custoulle atopar a vocación?

Din moitas voltas ata chegar ao xornalismo. Comecei maxisterio, mentres facía de actriz de dobraxe. Na escola tiven un profesor marabilloso de Bioloxía e pola súa culpa decidín estudar a carreira. Nestas chamáronme para facer unha proba na radio e aí descubrín un mundo que me encantou. Cando me licenciei, colléronme e estiven con contratos temporais. Fixen xornalismo porque realmente tiña o currículo máis raro do mundo, pero voltaría a o facer. Ser de ciencias e letras é marabilloso. É un erro que os rapaces teñan que escoller tan cedo.

Mentres non sae “A culpa”, ten algún proxecto en vistas?

Estou inmersa na escrita dunha novela xuvenil e xa teño pensado unha infantil. Cando veño dunha historia tan forte, con tanto ritmo, preciso un tempo para meterme na seguinte e que non se pareza a anterior, a literatura xuvenil axúdame.

Escribir é unha adicción?

É unha necesidade vital crear mundos. Sempre fun moi fantasiosa.

Te puede interesar