UNIVERSIDAD

Dúas poetas, dúas visións

O investigador Cristian Javier López, o día la lectura da tese.
photo_camera O investigador Cristian Javier López, o día la lectura da tese.
Unha investigación afonda no traballo literarios feito por dúas mulleres latinoamericanas
 A poetisa Helena Kolody naceu en 1912 en Brasil, filla de pais inmigrantes ucranianos; Idea Vilariño, tamén poeta, foi nada en Montevideo en 1920, filla de inmigrantes galegos no Uruguai. A pesar de que as une o mesmo eido creativo e a mesma época, os diferentes países nos que viviron e as orixes familiares tan distantes xeraron tamén diferentes proxeccións no ámbito literario. Precisamente en comparar ambas autoras e as súas obras céntrase a tese de doutoramento de Cristian Javier López, dirixida polas profesoras Carmen Luna, da Universidade de Vigo e Terezinha da Conceição Costa-Hübes, da Universidade Estadual do Oeste do Paraná/Unioeste-Brasil.
Baixo o título "Idea Vilariño (Uruguay) y Helena Kolody (Brasil): cantos a la vida–encuentros poéticos en América Latina", o propósito fundamental da investigación, explica o seu autor, “foi analizar o proceso de confluencia entre a poesía e a música na contemporaneidade”, un propósito que se concretou na análise comparativa das obras destas dúas poetas sudamericanas. O traballo de investigación comprendeu unha revisión bibliográfica “para entender a complexidade da produción de cada unha das poetas”, cuxa interpretación necesitou, como remarca o autor, “a revisión crítica de varios conceptos tanto da área de literatura, teoría literaria, cultura hispánica e brasileira, literatura comparada, así como nocións importantes da área da música”. Con todo isto, Cristian Javier López tratou de establecer “as principais aproximacións e distanciamentos entre estas producións latinoamericanas de autoría feminina”.
A investigación de López centrouse en explorar dous eixos fundamentais: un de carácter musical e outro político e cultural. No que se refire ao aspecto musical, o investigador analizou a relación entre poesía e música, así como a musicalidade nos poemas das autoras. Para isto traballou na análise das obras, “revelando o seu carácter musical a nivel temático, estrutural e teórico”. O eixo de traballo relacionado co aspecto político e cultural centrouse en estudar a posición das mulleres creadoras “nunha sociedade patriarcal”, analizando a produción poética destas dúas escritoras sudamericanas. Para isto, o investigador pon en valor a súa posición “como mulleres latinoamericanas nun contexto híbrido e a súa visión ante determinados acontecementos históricos contemporáneos a elas”. O traballo de investigación colocou en evidencia o contexto histórico, social, económico e cultural no cal se formaron as poetas Helena Kolody, filla de inmigrantes ucraínos en Brasil, e Idea Vilariño, filla de inmigrantes galegos en Uruguai. Precisamente ese contexto é o que “lles proporcionou ás poetas o achegamento ou o distanciamento as cuestións políticas, a sexualidade, o erotismo, o combate ao imperialismo norteamericano, contundentes na uruguaia e ausentes na brasileira”.

Te puede interesar