Correlingua sacou a rapazada de Vigo á rúa

Tras unha pancarta unitaria do Correlingua, uns 1.400 escolares saíron da Praza do Rei tras recibir o saúdo do alcalde.
photo_camera Tras unha pancarta unitaria do Correlingua, uns 1.400 escolares saíron da Praza do Rei tras recibir o saúdo do alcalde.

O regreso da marcha escolar a prol do galego congregó 1.400 alumnos de 13 centros da cidade e dous da área

O Correlingua celebrou a súa primeira marcha en Vigo trala pandemia coa participación de 1.400 escolares de quince centros, trece de Vigo, un de Panxón e outro de Gondomar. “Aínda que é un pouco menor que a última edición, estamos moi satisfeitos coa resposta recibida, despois do parón do covid é complicado volver á dinámica, amais faltaron un par de colexios que tiñan previsto vir á primeira convocatoria, o día 4, adiada pola chuvia”, afirmou Anxo Terán.

 

 

Baixo o lema “Na casa, na escola, bota a lingua fóra”, a rapazada de Primaria, Secundaria e Bacharelato saíron dende a Praza do Rei, onde recibiron o saúdo do alcalde e da concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco. Dirixíronse á Castrelos con pancartas feitas na clase con mensaxes como “Eu falo a lingua de Galicia que é pura delicia”.

 

 

Polo camiño coreaban eslogans do estilo “Quero galego, quero español, quero os dous”, chamando a atención dos viandantes. No parque atopáronse cos máis pequenos, os de Educación Infantil. Leuse o manifesto, resultado do obradoiro “Desata a lingua”, no que participaron alumnos do IES A Guía con compañeiros de institutos doutras sete localidades. Á seguir celebrouse a festa co grupo gañador do Cantalingua, Mekanika Rolling Band. Para os máis pequenos actuaron As Monchas.

Organizado por CIG Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística, conta coa colaboración de seis concellos (Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago e Coruña) e de tres deputacións (Lugo, Coruña e Pontevedra). Esta edición de Correlingua que comezou en Ponteareas pasará por doce localidades durante este mes. Este xoves estarán no Morrazo.

“A participación nos certames do Correlingua ao longo do curso permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso”, apunta Terán.

Te puede interesar