ÁNGELA RODRÍGUEZ 'PAM' Candidata de En Común-Unidas Podemos ao Congreso

“Cometemos erros, pero debemos seguir aspirando a dar solucións á cidadanía”

A candidata de Unidas Podemos, Ángela Rodríguez 'Pam'.
photo_camera A candidata de Unidas Podemos, Ángela Rodríguez 'Pam'.

"Non nos debemos nin aos bancos nin aos corruptos. debémonos ás medidas que están pensadas por e para a xente"

nnn  Ángela Rodríguez, tamén coñecida como Pam, é a número dous pola provincia de Pontevedra con En Común-Unidas Podemos, logo de catro anos como deputada de En Marea no Congreso. Crítica coas polémicas que rodearon á súa formación nos últimos meses, non perde de vista a oportunidade de "facer política por e para os galegos".

O seu programa ten no feminismo, na loita polo medio ambiente e os dereitos sociais os seus piares.
É un proxecto político que une moitas sensibilidades e que aspira a representar ás maiorías sociais vertebrándose en tres horizontes que son fundamentais, pensando en gobernar desde e con Galicia. Non se pode gobernar España sen ter en conta o que lle sucede á cidadanía galega. Son políticas que queremos facer como Goberno. Todos nos preguntamos se imos poder pagar o aluguer, ter un salario a fin de mes, un traballo mellor, contrato indefinido, unha casa... Para todas estas cousas a única garantía é un Goberno de En Común-Unidas Podemos, para as galegas e os galegos. Non nos debemos nin aos bancos nin aos corruptos. Debémonos ás medidas que están pensadas por e para a xente.

Tras a ruptura con En Marea, que papel poden desempeñar vostedes nesa política para Galicia?
Son galega e non podo facer política dende outro sitio que non é no que vivo. Fago política pensando en Galicia, dende Galicia e para Galicia. Eso é incuestionable. Todos os compoñentes políticos que estabamos nese espazo confederal seguimos falando do que á xente lle interesa e lle preocupa. Temos que recoñecer que cometemos moitos erros por todas as partes. Ás veces os políticos non estamos á altura. En Podemos cometemos erros neste sentido durante os ultimos tempos, pero debemos seguir aspirando a dar solucións. 
Compartindo espazo político con outros partidos como  En Marea ou o BNG, cre que lles pode perxudicar á hora de acadar escanos?
Hai máis opcións, pero non debemos dramatizar con isto. A xente é moi intelixente e sabe perfectamente quen somos as persoas que xa estivemos negociando co Goberno, como no incremento do salario mínimo ou o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Os votantes saben que estas negociacións foron levadas a cabo por Unidas Podemos. Os valores que tiñamos seguen sendo os mesmos.

Os conflictos internos na súa formación poden pasarlles factura nestas eleccións?
É normal que os electores se preocupen e que esa preocupación se torne incluso en decepción. Hai moita xente que está decepcionada coa esquerda. Asumímolo, somos conscientes  e creo que hai que ser humildes e pedir disculpas porque o fixemos mal. Ocultalo non estaría ben e sería un grave erro. Nós intentamos continuar como antes ata o último momento. No caso galego, estivemos ata o último día intentando chegar a un acordo con todas as partes en Galicia. Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz fixeron un montón de chamadas á unidade pública. Tiñamos moi claro que habería que facer o espazo político máis amplo posible para chegar a estas eleccións e intentámolo moito.
As enquisas falan dunha caída de Unidas Podemos e mesmo na provincia  perderían un escano con respecto a 2015.
As enquisas son fotos dun momento fixo. O CIS quedouse antigo pero sí amosa datos que son relevantes. Primeiro, que o bloque das dereitas non suma e que a hipótese de coalición entre PSOE e Ciudadanos non remata de consolidarse, a pesar de que Rivera e Ábalos se empeñen e apuntar cara ela. Nós optamos por unha terceira opción, na que pode haber moitísimo voto útil. O voto dos indecisos ímolo gañar nesta campaña. Somos honestos e non temos nada que perder. Hai un exemplo moi representativo: todo o mundo fala de que quere unha sanidade pública. As leis que premitiron que se privatice o modelo de sanidade foron aprobados no ano 97 polo Estado gobernando o PSOE. Se quixeran de verdade que a sanidade fora pública terían derrogado esas leis. Non se fixo e nós levámolo no programa. En campaña as cousas van ir ben e creo que non tivemos un mal comezo. Imos traballar e pelexar 'a saco'.

Espérase un Congreso moi dividido, como afrontan ese panorama inmediato?
De entrada, falaríamos con todo o mundo. Foi unha lección o que fixemos a feministas co Pacto de Estado. É a mellor forma de facer política e chegar a acordos. Agora ben, temos unha serie de propostas o ''liñas vermellas'' que pasan por elixir entre facer aos ricos máis ricos ou a distribución para que a xente teña unha vida máis xusta e máis digna. Nós imos ir polo segundo. Quen esté disposto a pactar esas medidas, por nós, seguiremos adiante, témolo clarísimo.  n

Te puede interesar