Tres citas con Xela Arias

Vigo

A cidade estase a volcar coa que foi a súa veciña, a autora das Letras Galegas 2021, seguindo as súas pegadas na Casa Galega da Cultura, no IES Castelao ou no patrimonio inmaterial coa proposta escénica de ‘Intempériome’

Publicado: 17 abr 2021 - 02:15 Actualizado: 14 may 2021 - 15:33
Onte sucedéronse tres citas con Xela Arias trala súa pegada en Vigo.
Onte sucedéronse tres citas con Xela Arias trala súa pegada en Vigo.

Xela Arias, a autora a quen lle adican este ano as Letras Galegas, está vencellada a esta cidade, onde a Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do 17 de maio e onde se multiplican os actos de homenaxe á que foi a súa veciña.

Onte sucedéronse tres citas con Xela Arias trala súa pegada en Vigo. Así, comezou o día na Casa Galega da Cultura, onde a Penzol argallou unha pequena mostra cunha escolma dos fondos que sobre a poeta custodian na Fundación e na Biblioteca Francisco Fernández del Riego: Libros, documentación, fotografías e redaccións da nenez, todo a disposición dos investigadores.

Recibiron a visita da familia e do alcalde Abel Caballero. Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol, exerceu de anfitrión. “Xela correu por estas instalacións de pequerrecha, acompañando a seu pai cando viña a atoparse con Fernández del Riego”. Fíxolles entrega aos familiares dunha reproducción dos traballos conservados na sede viguesa, agasallo que agradeceu Darío Gil Arias, fillo da homenaxeada: “A miña nai non tiraba nada e parece que don Paco tampouco” . Destacou a importancia que Vigo tivo nas obras da súa proxenitora.

Na súa intervención, Caballero quixo destacar estes primeiros escritos recuperados pola Fundación: “Xela cobra toda a súa dimensión aquí, con estas creacións gardadas por esta institución”.

A seguinte parada estivo próxima ao Casco Vello, no Museo de Arte Contemporánea. Alí, Fernando Abreu, Mónica de Nut, Pablo Carrera e Roi Fernández, coa asistencia de Paula presentaron “Vencerse é cousa de se tratar”, unha proposta escénica da obra “Intempériome”. Representarase hoxe, ás 19:30 horas e mañá, ás 12:30 horas. “Amosaremos o remate do proceso de traballo, algo que comezou en 2003 cando Xela me propuxo que fixéramos algo cos seus poemas e chegamos a gravar; foi uns meses antes da súa morte, tería quedado aí, pero tiña a voz de Xela”, afirma Abreu, que ao longo dos anos foi dando forma ao proxecto nas distintas homenaxes á poeta nas que participou”.

Volverá a escoitarse a Xela. A súa voz estará acompañada por Mónica de Nut: “Tento ser honesta; non son Xela, nen pretendo selo; profundizo na súa obra para poder cantala”. Xa pasaron 18 anos dende a súa xénese. “Agora temos máis experiencia en música improvisada e o público está máis afeito”. Abreu e os seus acompañantes buscan un montaxe conxunto, onde música, poesía e imaxe se acompañen, sen destacar un elemento por riba doutro, “un diálogo”. A partir dun acordo estructural, improvisan e adaptan a creatividade ao momento.

Na presentación falou Caballero, para quen o espectáculo é “unha transgresión e ruptura”. Tamén Darío para quen “recolle a visión de miña nai da confluencia das distintas artes: música, voz, audiovisual en directo”.

Xa rematada a mañá tivo lugar a terceira cita con Xela no Calvario, no IES Castelao. Alí cursou bacharelato e imparten clases moitos que a coñeceron e a trataron como Ramón Nicolás e a súa amiga Mónica Soto. “Xela estivo neste salón de actos e aprendeu espíritu crítico; nós decidimos que facer coas nosas vidas, aínda que as veces pensemos que non”, afirmou o director do centro, Marcos Veiga. Mónica Soto lembrou a Xela, unha máis do seu grupo universitario: “Era unha muller impresionante”, afirmou.

Ante a presenza do secretario de Política Linguística. Valentín García e de novo da familia de Xela, descubríuse unha placa no auditorio onde lle puñan o nome da poeta. O fillo tomou unha vez máis a palabra para agradecer o recoñecemento, dirixíndose en especial aos alumnos: “Eu dou clase a alumnos da vosa idade e sei das preocupacions que tendes e as inquedanzas; grazas porque isto non tería sentido sen vos”, apuntou ao tempo que os animaba a explorar os seus límites. O día rematou co poemas de Xela recitados polos estudantes e coa actuación de Clara Pino e Pablo Vidal, acompañando co piano os versos da homenaxeada.

Contenido patrocinado

stats