CARLOS BLANCO | Actor e humorista

"Nunca actúo nun espectáculo gratuito, o humor haino que pagar; o que custa valórase"

Carlos Blanco traerá a Vigo o show “Comicamente”.
photo_camera Carlos Blanco traerá a Vigo o show “Comicamente”.

Carlos Blanco (Vilgarcía, 1959) actuará este venres en Vigo na súa faceta de monologuista. Forma parte do espectáculo “Comicamente”, xunto con Touriñán, Luis Piedrahita e Lucía Veiga. 

Chegan cunha proposta de espectáculo adaptada aos novos tempos. En que formato actúan?

Xuntámonos as tres empresas punteiras en monólogos de Galicia, Aine, Condetrespés e Etiqueta Negra, porque queríamos ofrecer unha embaixada do humor. Somos tres ou catro cabezas de cartel e incorporamos  a cómicos menos coñecidos, e sobre todo a cómicas para dar resposta a esa polémica que dicía que elas teñen menos graza.

As mulleres téñeno máis difícil no mundo do humor?

O hábitat dos monólogos son os bares e elas teñen que aturar cada cousa e cada comentario que moitas veces se desaniman, non lles compensa. Nas cidades vai estar connosco como mestra de ceremonias Lucía Veiga; en Vigo facemos o show completo por vez primeira, tamén con tres dj femininas. Queremos fomentar a presenza das mulleres no escenario.

Actúan na ETEA, nunha das poucas veces que este espacio acolle unha actuación deste tipo. Que opinan deste auditorio?

Téñolle moito cariño á ETEA porque alí rodamos “Heroínas”. O medo que temos é a chuvia, porque para meter a 2.000 persoas tivemos que optar polo aire libre. Podería ser en Castrelos pero non acepto as actuacións gratuitas. O humor haino que pagar.

Rexéitaas por sistema?

Son moi teimudo co tema. Non actuó en nengún espectáculo que sexa gratuito. Teño 2.000 actuacións na chepa e sei que o que custa valórase. A perspectiva cambia, se alguén fala chámaselle a atención porque se pagou unha entrada. Aínda hai quen non o entende porque eu vou cobrar igual, so faltaba! Estou orgulloso de ter logrado que en varios concellos puxeran unha entrada de 5 euros, un cubata, que logo se entrega a unha asociación solidaria ou social.

En tempos de pandemia cal é o guión dun monologuista?

Pois cada un ten o seu, cadaquen conta como lle foi na feira. Eu pasei o confinamento en Madrid, traballando con aforos do 75%, mentres que aquí tiven que suspender co 30%. Paréceme moi inxusto o trato que recibimos, mentres nas industrias os traballadores estaban a menos dun metro, nós non podíamos actuar cando nos teatros non se contaxia ninguén, porque a xente está parada e en silencio. Nos levamos doce técnicos que ata agora estaban no ERTE. Non entendo por que se fixeron cousas opostas. En Galicia tiven que devolver 11.000 entradas, 200.000 euros, é indignante.

A lo menos coa inclusión no Plan Xacobeo, o humor tamén conta.

Propuxemos levar o humor por toda Galicia cun cartel moi potente e aceptouse. Non sei máis. Tento separarme da actualidade porque cabrean. Sego especialmente as Olimpiadas, sentín moito o de Támara quedou cuarta, e o de Portela e Ana Peleteiro é para facerlles a ola. Emocióname o seu esforzo porque sei o que supón. Teño un sobriño campeón olímpico en Beijing, Antón Paz. Agora é entrenador en China. Custou moito e o malo é que agora poucos saben quen é.

Volvendo a súa carreira, que supuxo na súa traxectoria o papel de Laureano Oubiña?

Cambioume a vida. Se este ano tiven traballo en Madrid foi por “Fariña”, que confiou nos actores galegos. Hai dúas series que me marcaron, “Pratos combinados”,  deume traballo e “Fariña” que me levou a Madrid.

Te puede interesar