ENTREVISTA | Antonio Tizón

"Pretendo desmontar a imaxe que relaciona aos enfermos mentais con actos violentos"

Tizón, onte en Vigo, levará os seus guións por entregas á radio.
photo_camera Tizón, onte en Vigo, levará os seus guións por entregas á radio.

A Feira do Libro convírtese na festa  das letras en Vigo, atraendo á cidade perto de 70 autores ao longo dos dez días que dura o evento. Onte tocoulle  a quenda ao coruñés Antonio Tizón, quen ven de publicar con Edicións Xerais “Os Incurábeis”, a terceira entrega da súa saga adicada ao inspector Sánchez e ás doenzas mentais. Sobre a novela e o seu transfondo falou para os lectores de Atlántico.

Aborda a investigación dun crime onde o asasinato non é o centro da trama. É unha revisión do xénero de novela negra?

Fálase das novelas muleta porque é unha mestura do policial con outros xéneros literarios. “Os Incurábeis” é a novela máis convencional da saga; na segunda, “Un home estraño”, hai dos narradores distintos e un apéndice de 73 páxinas coas cancións dun dos personaxes, un cantautor de rúa. Máis que policial, eu considéroas novelas sociais, onde a intriga funciona moi ben, con varios sospeitosos. O aspecto gastronómico é moi importante, na última novela saen mencionados máis de 40 restaurantes reais.

A enfermidade mental, unha constante na saga, tamén aparece nesta última publicación.

A abordar as doenzas mentais é moi importante para min. É un compromiso persoal. Eu padezo transtorno bipolar e quero dalo a coñecer a través destas cinco novelas. A primeira ten moito de autobiográfica pero non me deu para explicar todo que quería polo que o repartín en cinco entregas. Moitas veces se crean estereotipos dos enfermos mentais en relación cos actos violentos, eu pretendo desmontar esa imaxe. Son doenzas que aínda que non teñen cura, si contan cun tratamento farmatolóxico coa que se pode levar unha vida normal.

En “Os Incurábeis” retrocede ata 2001 para situar a trama no 11-S. Como o xustifica?

Cada novela ten un marco histórico concreto. A partir do 11-S, Aznar, Bush e Blair concebiron o termo de guerra preventiva, nesta novela levo ese concepto á mundo da psiquiatría, que pasaría se se tomasen esas medidas? Nese contexto abordo o tema da eutanasia. O último capítulo acaba en 2004 para enlazar coa seguinte novela, contextualizado no 11-M co tema da vinganza. As cinco son novelas, aínda que se complementan, son independentes. 

Os seus son personaxes poliédricos, nen malos, nen bos.

O inspector Sánchez é un corrupto, o servizo do poder, pero ten unha ética. Non é o típico perdedor, aínda que a piques está de caer no alcoholismo. O barrio coruñés do Castro é otro dos protagonistas. Os seus veciños inspiraron moitos dos personaxes, violentos e machistas.

Te puede interesar