Ana Pontón reivindica o AVE Vigo-Lisboa como prioridade

A candidata do BNG aos comicios autonómicos debullou onte en Vigo as súas propostas económicas ante os empresarios

Ana Pontón visitou o Círculo de Empresarios de Vigo arroupada por unha grande comitiva do BNG.
Ana Pontón visitou o Círculo de Empresarios de Vigo arroupada por unha grande comitiva do BNG.

Ana Pontón, candidata do Bloque Nacionalista Galego ás eleccións do 18-F, deu a coñecer onte en Vigo ante os empresarios as súas propostas económicas tanto para a cidade como para a comunidade autónoma. Nunha comparecencia previa ante os medios na que o ton económico primou sobre o político, a líder do BNG advertiu de que “Galicia está quedando atrás dende o punto de vista económico”, sinalando que “o peso da industria no noso PIB está lonxe do que recomendan as institucións europeas”, polo que anunciou que impulsará un plan de fomento do desenvolvemento industrial e tecnolóxico que permitirá “incrementar en 8 puntos o peso da industria no PIB galego” e xerará “12.000 empregos para poder dimensionar algúns sectores básicos da nosa economía”.

Deste xeito, Pontón apuntou a Vigo como “un exemplo dese potencial” grazas á industria da automoción ou a construcción naval e insistiu en que a cidade sexa “un dos motores industriais de Galicia”.

En canto ás propostas centradas na cidade, a candidata nacionalista fixou como prioridade a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal: “Cremos que é estratéxico o proxecto do AVE Vigo-Lisboa, a cooperación co país veciño é un ámbito de oportunidades para crear unha maior escala no noso desenvolvemento económico”. Pontón recoñeceu que “vemos como o norte de Portugal está gañando a Galicia na capacidade para crear empresas e a responsabilidade do Goberno é ter as infraestruturas necesarias e unha dotación suficiente para ser capaces de captar inversións”. Deste xeito, apuntou que as peaxes da AP-9 están restando competitividade á industria da área de Vigo, polo que “loitaremos para ter unha AP-9 galega e libre de peaxes”.

Contenido patrocinado

stats