90 anos do busto de Camões
María Sousa, a neta do escultor portugués Sousa Caldas, coñeceu a obra viguesa do seu avó. Atópase na Praza de Portugal que foi deseñada polo arquitecto Jenaro de la Fuente e desmantelada por posteriores reformas
Cúmprense 90 anos da conclusión do deseño da Praza de Portugal coa colocación do busto de Camões. Unha efeméride que se viu reforzada coa presenza de María Sousa, neta do escultor, Jose Sousa Caldas (1895-1965), autor da peza. Visitou a localización da obra esta semana, tal e como fixera os seu avó en 1934, convidada tamén polo Centro Portugués de Vigo na conmemoración do Día de Portugal.
José Luis Mateo, membro de Instituto de Estudios Vigueses (IEV), aproveitou a súa asistencia para reivindicar a memoria do artista de Vilanova de Gaia, aquí practicamente descoñecido e de gran recoñecemento no seu país. “Foi director da Escola Industrial de Porto Faria Guimarães e tivo moito contacto coa escola de Artes e Oficios de Vigo, aínda así esta intervención na cidade foi algo puntual”, afirma.
En artigos publicados por Mateo en “Glaucopis”, a revista do IEV, abordou tanto a figura de Sousa como o evoluír da propia praza, deseñada por Jenaro de la Fuente, que segundo indica “acabou desartellada coas posteriores reformas, ata cambiaron o podio de granito onde descansa a escultura”.
Así, a escalinata labrada en pedra, con balaustradas e columnas, que daba acceso dende a rúa Uruguai está agora en Ronda de Don Bosco, esquina coa rúa Blein Budiño, disimulando o acceso a unha subestación eléctrica. Os tritóns que decoraban as fornacinas repartíronse entre o estanque do propio xardín e a fonte da praza 8 de marzo, en Camelias. A pérgola central, con columnas graníticas, desmontouse e trasladouse a Bouzas, á rúa Eduardo Cabello.
A praza, que se iniciou en 1929, concluíuse cinco anos despois coa escultura de Luís de Camões, a primeira en España adicada ao literato que marca a festividade nacional lusa co seu nacemento. Foi un agasallo do Comité da Exposición Colonial de Porto e a súa inauguración, en agosto de 1934, reuniu en Vigo ao ministro español de Traballo, Estadella; o xefe de Estado portugués, Melo Barreto e o embaixador portugués, Schiapa de Azevedo, xunto ao entón alcalde da cidade, Campos Varela. “As relacións entre Vigo e Porto eran habituais dende fins do século XIX, había moito contacto entre as dúas cidades, en parte pola importante comunidade lusa que en 1927 funda o Centro Portugués en Vigo, aínda activo presidida por Bernardino Crego”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar