37 autores arroupan o relato póstumo de Domingo Villar en “Miño”
María Xosé Queizán, Fina Casalderrey, Antonio García Teijeiro, Xavier Queipo, Fran Alonso e Xosé Manuel del Caño acudiron onte a presentación de “Miño” en Librouro. Foron os representantes dunha escolma de 38 autores que participaron cun relato nesta publicación colectivo, a segunda propiciada por Del Caño e Xerais. Conta co limiar de Rexina Vega e co epílogo de Antón Riveiro Coello.
Amais do literario, este proxecto ten un valor sentimental, xa que pecha o índice “O arroaz”, o relato a título póstumo de Domingo Villar (Vigo, 1971-2022), aínda chorado e lembrado polos compañeiros.
“Trátase dun proxecto aberto, integrador, que tende pontes a diferentes autores, estilos, xéneros literarios e sensibilidade”, afirmou o coordinador que puxo en valor un dos eixos fundamentais do traballo, “darlle visibilidade á literatura feminina”, cun 50% de autoras.
Entre as intervencións destacou a de Fina Casalderrey quen lembrou que “os contos salvagardaron en tempos difíciles a lingua, a literatura oral termou do idioma”. Para o seu compañeiro, García Teijeiro, “Miño” é un dos proxectos “que se converten en esenciais no mesmo intre de ser pensados, polo valor que lle proporciona á cultura dun pobo”. Xavier Queipo sinalou que “precisamos ver alén do embigo, pensar fóra das marxes do correcto, ultrapasar fronteiras, derrubar valados, abrir veas e derivacións para nutrir a esta poboación que non nos quere”. Para outros como Ramón Nicolás supuxo “o retorno a un xénero moi querido por min”, mentres Alfonso Álvarez Cáccamo avisou de que o seu conto “está escrito en clave de humor porque eu non coñezo un procedemento literario mellor para contar as miñas verdades”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar