Nigrán amplía o servizo a nenos de atención temperá

O servizo está na antigua Escola de Nenas do Ceán.
photo_camera O servizo está na antigua Escola de Nenas do Ceán.
O servizo dá cobertura xa a 70 familias que ata que entrou en funcionamento se tiñan que desprazar a Vigo

O Concello de Nigrán investirá 417.030 euros nos vindeiros 3 anos para o ‘Servizo de Atención Temperá’ (SAT), dirixido a crianzas de 0 a 6 anos  con algún trastorno transitorio ou permanente no seu desenvolvemento ou en risco de padecelo. O goberno local inaugurou o SAT en xaneiro na antiga 'Escola de Nenas' do Ceán e, co obxectivo de garantir a súa continuidade, ven de licitar un novo contrato de 1 ano prorrogable a outros 2 (139.000 €/ano). Actualmente, este servizo público a cargo da concesionaria La Esperanza del Valle Miñor (xestora do CEE Juan María) atende a 70 familias nigranesas que xa non teñen que desprazarse cos seus fillos ata Vigo e que, desde que o solicitan, son avaliados e atendidos en menos de 30 días porque non hai lista de agarda.

“Somos pioneiros no Val Miñor en contar co noso propio SAT e estamos moi orgullosos de telo; o noso obxectivo é mantelo permanentemente como un piar da nosa política 'Un Nigrán para todos', explica o alcalde, Juan González, quen incide en que "era unha demanda de moitas familias, educadores e sanitarios e unha prioridade para o Departamento de Servizos Sociais de Nigrán, así que a satisfacción é máxima ao contrastar a gran acollida que ten".

A principal novidade do vindeiro contrato é precisamente a súa duración, que pasa de 1 a 3 anos, manténdose a sede na antiga Escola de Nenas do Ceán. O servizo contará, como ata agora, cun psicólogo, un logopeda e un fisioterapeuta e  seguirá formando parte da Rede Galega de Atención Temperá, (nun 31% dos casos as crianzas acuden a máis dunha especialidade, é dicir,  reciben servizos compartidos de logopedia, fisioterapia e/ou psicoloxía) .

Todos os pacientes son derivados a través dos centros de saúde de Nigrán (pediatría) e os centros educativos ou ben os propios servizos sociais do Concello tamén poden recurren a el para a petición de diagnóstico, sendo fundamental o seu traballo para a detección precoz dos trastornos ou do risco de padecelos. Entre os casos con alta probabilidade de precisar deste servizo están as crianza con gran prematuridade, dano cerebral, parálises, trastornos do espectro autista, TDAH, trastornos de conducta ou emocionais, sordeira, cegueira, anomalías conxénitas do cerebro, que implican un retraso no desenvolvemento xeral, da motricidade fina ou grosa, do sistema cognitivo ou da linguaxe.

Te puede interesar