universidade

A Xunta inxecta 18 millóns de euros nos oito centros de investigación

Unha investigadora traballa nun laboratorio do Centro de Investigación Mariña
photo_camera Unha investigadora traballa nun laboratorio do Centro de Investigación Mariña
A Xunta mantén unha importante aposta pola investigación universitaria, co fin de avanzar nun modelo de centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia que se caracterice por unha estratexia definida, pola excelencia investigadora, a especialización, a internacionalización e o aproveitamento de sinerxías entre grupos. O obxectivo último é o de consolidar estruturas competitivas na escena científica internacional, que repercutan nunha maior atracción de talento por parte das universidades galegas así como na mellora do seu posicionamento nos ránkings universitarios.
Neste obxectivo enmárcase o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade aos oito Centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia cunha liña de financiamento estable para o período 2019-22, que supón unha inxección de 18  millones de euros para este período, o que significa o maior investimento público realizado ata o de agora no sistema científico universitario galego (+ 66%  con respecto á anterior convocatoria en termos relativos).
Para o deseño desta convocatoria tivéronse en conta as aportacións do Comité Científico asesor dos Centros de Investigación Singulares e Agrupacións Estratéxicas de Galicia, encargado de definir as liñas que fixan o modelo galego de centro de investigación competitivo e internacionalizado. Cómpre lembrar que este Comité está constituído  por científicos de recoñecido prestixio de distintas áreas de coñecemento. Trátase de persoeiros de relevancia internacional como María A. Blasco (directora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas), Carmen Castresana (profesora de Investigación do CSIC e exdirectora do CNB-CSIC), Luis M. Liz-Marzán (director científico do CIC BiomaGUNE), ou  Joan Guinovart (catedrático de Biomedicina e Bioloxía Molecular e exdirector do Instituto Recerca Biomédica), entre outros.
O investimento previsto supón un salto cuantitativo e cualitativo no impulso do que son os maiores axentes científicos de Galicia nestes momentos. Así mesmo avánzanse na consolidación dunha estrutura de I+D+i  máis forte e competitiva no ámbito estatal e europeo.  De feito Galicia é a única Comunidade Autónoma do Estado que conta cunha liña de financiamento estable a grupos de investigación co obxectivo de despuntar en ámbitos de referencia investigadora. 
Destaca ademais o alto nivel de estudo e investigación que se leva a cabo nestes centros punteiros no seu eido de acción, como proban os máis de 16 millóns de euros de media anual que captan para proxectos de investigación, as solicitudes de patentes que xeran, a creación de spin-off, e a publicación de artigos científicos en revistas internacionais.
Trátase  dun total de oito Centros de Investigación no Sistema Universitario Galego:
 4 Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). UDC. 
4 Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS). USC. 
 4 Centro de Investigación en Medicina Molecular, CIMUS. USC.
4 Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, CITIUS. USC.
4 Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, IGFAE. USC. 
4 Atlantic. UVigo
4 Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO. UVigo.
4 Centro de Investigacións Mariñas, CIM. UVigo.

Te puede interesar