UNIVERSIDAD

Un libro homenaxea a traxectoria do profesor Antón Palacio

O profesor xubilado Antón Palacio, tradutor e experto en onomástica.
photo_camera O profesor xubilado Antón Palacio, tradutor e experto en onomástica.
nnn Un agarimo afectuoso e sincero, cheo de cariño e admiración, testemuña do respecto e afecto que sementou ao longo de toda unha vida dedicada á Universidade. A Facultade de Filoloxía e Tradución rendeu o pasado venres homenaxe ao profesor Antón Palacio, xubilado en setembro de 2017, e fíxoo coa entrega dun libro no que colaboraron 28 autores, a maioría colegas do propio Departamento de Filoloxía Galega e Latina, pero tamén do resto da universidade, tanto de Vigo como de Santiago de Compostela, da Real Academia Galega, do Instituto da Lingua Galega e da Asociación Galega de Onomástica.
A homenaxe, que estivo presidida polo reitor, Manuel Reigosa, celebrouse nun repleto salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, nun evento no que coincidiron numerosas caras coñecidas da Universidade, da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, incluída a súa presidenta, Rosario Álvarez.
Todos eloxiaron a traxectoria do profesor Palacio salientando o seu papel como “experto en onomástica, meticuloso tradutor, fino corrector de estilo e abnegado docente”. Lembrando a “longa estela de persoas que se formaron ao seu carón”, tal e como apuntou Reigosa, del destacouse o seu “amor polo traballo e paixón pola lingua”, “a súa capacidade de traballo e de aforro”, “o seu rigor e seriedade máxima”, “a súa elevada esixencia como docente”.
O libro editado para esta ocasión organízase en tres seccións: sete estudos lingüísticos, nove literarios e outros tantos de onomástica, principalmente co galego e Galicia de fondo; precedidos por dous relatos sobre a biobibliografía do homenaxeado. n

Te puede interesar