Un estudo di que o 95% dos rapaces de ESO hoxe falan castelán

Sol graduouse en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e agora cursa un mestrado de Lingüística Aplicada.
photo_camera Sol graduouse en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e agora cursa un mestrado de Lingüística Aplicada.
Un traballo da UVigo feito por Sol Vilas conclúe que o 95% dos mozos da Xeración Z usa só o castelán ou máis castelán que galego fronte ao 50% dos mozos que medraron co Xabarín

A chamada ‘Xeración Xabarín’ –adultos entre os 20 e os 40 anos que consumiron programación infantil en galego durante a súa infancia– conta, grazas ao programa da TVG presentado por este porco bravo ficticio, con mellores competencias en galego mentres que os actuais alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria, a chamada Xeración Z, vense moito menos capaces á hora de comprender e falar o idioma, precisamente por non estar expostos a unha programación infantil en galego ao retirar a TVG o programa da súa grella.

Esta é a conclusión á que chegou Sol Vilas, graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios pola UVigo no seu traballo “A Xeración Xabarín e a normalización da lingua galega”, titorizado por Fernando Ramallo e recentemente publicado na revista Cumieira, editada po Xosé Antonio Fernández Salgado, ambos docentes da institución viguesa.

 

 

A través de dúas enquisas, unha lanzada a membros da ‘Xeración Xabarín’ a través de internet e outra feita en institutos de Vigo a alumnos da ESO, Sol percibiu que “hai unha disparidade abraiante entre ambas xeracións” e sinala que, en consecuencia, “os medios de comunicación teñen una influencia moi positiva tanto na conciencia idiomática da audiencia como no espallamento da lingua galega”. 

Os resultados falan por si mesmos. O 95% dos alumnos da ESO enquisados usa só o castelán (50%) ou máis castelán que galego (45%), mentres que na Xeración Xabarín o 47% confesa utilizar máis o galego que o castelán ou soamente o galego.

“Hai que aumentar a oferta infantil na programación da TVG”

“O Xabarín foi un grande axente normalizador da lingua, para os nenos da miña xeración foi moi importante ter algo así”, explica Sol Vilas, que como tantas crianzas –o club chegou a ter cen mil socios– medrou vendo as súas series infantís favoritas en galego: “Todas as tardes estaba co Shin Chan ou co Doraemon. Eu fun bilingüe de sempre, pero como vivo en Vigo, unha cidade na que apenas se fala galego, o Xabarín foi unha das razóns pola que estudei o que estudei e pola que amo a lingua”.

A grande vocación de Sol é o ensino e agora está cursando un mestrado de Lingüística Aplicada no que se especializará en ensino de linguas. Explica que “levo uns anos dando clases particulares e teño moitos alumnos cos que quedo tola porque non saben falar galego”. Esta foi unha das razóns polas que decidiu lanzarse a facer este traballo de investigación, en especial comparando as competencias no idioma coas da súa xeración, que si que puido medrar con debuxos animados en galego. 

Sobre como reverter esta situación, Sol ten claro que “hai que aumentar a oferta infantil na programación”, pois a TVG apenas adica menos de 6 horas semanais a contido infantil, o cal “non serve de moito”, xa que “nós tiñamos o Xabarín Club todas as tardes, en horarios apropiados para os nenos e tiñamos unhas dobraxes de grande calidade”.

Te puede interesar