UNIVERSIDAD

EscudoCovid.19 remata con 56.000 pantallas producidas en Galicia

236.000 unidades en España.
photo_camera 236.000 unidades en España.
A plataforma EscudoCovid.19 pon fin a súa actividade, que comezou a finais de marzo, cun balance “moi positivo”, asegura o seu promotor e director do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo (Cintecx), José Luis Martínez Lastra. “Nunca pensei que chegaríamos a unha produción de pantallas acumulada de máis de 236.000 escudos a nivel nacional, dos que 56.000 corresponden a Galicia”, sinala o docente e investigador, que puxo en marcha a iniciativa para loitar contra o avance da COVID-19, nun primeiro momento, valéndose da súa amizade coa empresa madrileña Trovican, onde se deseñou unha pantalla con suxeición por brida e que se podía facer troquelando o material. Unha vez que o deseño se facilita en aberto para uso non comercial, moitas empresas do gremio sumáronse á iniciativa, que no caso de Galicia ponse en marcha a partir dunha conversa de Martínez Lastra cos investigadores de Cintecx Enrique Granada e Pedro Arias. “Rapidamente, puxémonos a traballar coa subdirectora do centro, Itziar Goicoechea, co director do Vigo Tecnolóxico,  Daniel Villanueva, e a vicerreitora de Transferencia, María Consuelo Pérez, a buscar soporte industrial, que finalmente atopamos en Asime”, explica. Tamén contou coa colaboración do docente José Antonio Pérez, que “estivo a pé de fábrica organizando e colaborando na produción de Valver, empresa, que aínda sen estar asociada a Asime, foi o centro de produción en Galicia”. Transcorridos preto de dous meses, EscudoCovid.19 remata cun balance moi positivo e coa satisfacción “de saber que o teu traballo na universidade axuda á sociedade, que é quen nos mantén grazas aos seus impostos. Galicia en xeral, e Vigo en particular, ten un tecido industrial moi receptivo ao que se lle formula desde a universidade e esta colaboración foi fantástica e quero agradecer a Enrique Mallón, xerente de Asime o seu traballo”, sinala Martínez Lastra, que considera que “con evitar un só contaxio, o traballo mereceu a pena”.
 

Te puede interesar