UNIVERSIDAD

Enxeñería de Organización Industrial chega aos 35 anos

Carlos Prado, Ana Mejías e Juan Pardo.
photo_camera Carlos Prado, Ana Mejías e Juan Pardo.
n n n A titulación de Enxeñería en Organización Industrial cumpre 35 anos ‘imaxinando o futuro’, pero tamén 35 anos organizándoo e xestionándoo. Para celebralo, e baixo este lema, a Escola de Enxeñería Industrial e o Grupo de Ingeniería de Organización presentaron onte un programa de actividades que se vai desenvolver ao longo de todo o ano 2020 e que inclúe xornadas técnicas e visitas a institutos para presentar ao potencial alumnado “unha das ramas da enxeñaría con maior demanda por parte das empresas”, como resaltaba na rolda de prensa Carlos Prado, director do GIO. Nestes 35 anos, primeiro como especialidade e logo como grao, foron máis de 2000 os egresados e egresadas, dende os seis da primeira promoción ata os preto de 65 que se matriculan actualmente en 1º cada ano.
Juan Pardo, director da EEI, explicaba que para a escola é “unha enorme satisfacción que, tras 35 anos, a titulación siga estando de plena actualidade, cunha demanda crecente e pechando a matrícula con moi boas cifras”, algo que considera “responde á necesidade real que teñen as empresas destes titulados e tituladas”, que se caracterizan pola súa polivalencia e versatilidade para traballar en diferentes sectores, “un valor engadido da titulación”. De feito, tanto Pardo como Prado puxeron de manifesto que a escola non é quen de cubrir a demanda de profesionais que ten o mercado laboral, ao tempo que recalcaban que, fronte ao que sucede noutras ramas da enxeñaría, Organización Industrial ten unha alta porcentaxe de alumando feminino, algo que se reflicte no programa das xornadas. “Isto é tamén un motivo de orgullo e satisfacción e demostra que a enxeñaría tamén é para as mulleres”, puntualizaba Ana Mejías, docente, subdirectora da escola, concelleira de I+D e antiga alumna desta titulación, que tamén expresaba o seu desexo que este equilibrio de xénero se poida trasladar ao resto de graos da EEI.
Sobre a evolución dos estudos e da profesión nestes 35 anos, Mejías destacou dous aspectos “moi importantes que non cambiaron ao longo deste tempo”. Por unha banda, lembraba que se trata dunha das titulacións nas que o alumnado é máis vocacional e, por outra, puña o valor o perfil polivalente destes profesionais que poden traballar en sectores moi diversos. Tamén lembrou a contorna industrial actual está “marcada pola tecnoloxía e a Industria 4.0” e neste contexto, as e os enxeñeiros en Organización Industrial desenvolven un papel fundamental. Destacaron tamén unha taxa de inserción laboral moi elevada.n
 

Te puede interesar