O Campus Aberto: emprendemento, reciclaxe profesional e empregabilidade

A Escola Aberta de Formación Permanente conta con programas de rigorosa actualidade.
photo_camera A Escola Aberta de Formación Permanente conta con programas de rigorosa actualidade.
A Universidade de Vigo ofrece unha formación permanente con títulos propios a través da súa Escola Aberta

O Campus Aberto oferta títulos propios de formación permanente de diferente duración e nivel de especialización. A maioría dos cursos desenvólvense en horarios compatibles coa xornada laboral e coas clases presenciais ou virtuais para salvar a distancia xeográfica.

A estrutura modular dos programas permite flexibilizar a formación: é posible matricularse nun primeiro módulo e acumular créditos académicos para obter un título de maior rango. De acordo coa dispoñibilidade e cos intereses pódese decidir que módulos estudar: por exemplo, cursar un título de especialista universitario e completalo posteriormente con outro módulo para obter un mestrado de formación permanente.

A escola ten programas xa consolidados que volven con novas edicións: o exitoso título de Especialista en tradución para a industria do videoxogo; o Mestrado en formación permanente en auditoría e contabilidade (homologado polo Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas como programa de formación teórica para o acceso ao Rexistro Oficial de Auditores de Contas); e tamén propostas en liña como a de Especialista en dereito laboral e da seguridade social (con gran participación de estudantado hispanoamericano), ou o Programa de experto/a en interpretación simultánea de voz a texto (con estudantado e profesorado internacional procedente, por exemplo, do Reino Unido ou de Australia). 

Tamén se ofrecen programas de rigorosa actualidade empresarial como o Curso de especialista en ciberseguridade industrial (cunha grandísima acollida na súa recente primeira edición) e novidades como o Mestrado en formación permanente en negocio dixital (que conta co certificado de planificación de recursos empresariais –ERP– e coa colaboración do ClusterTIC). O título de Experto/a en tecnoloxías cuánticas da información nace nun campo con moita proxección e no que aínda hai poucas persoas expertas no sector industrial. Ademais, o Campus Aberto ofrece moitos cursos de curta duración enfocados á reciclaxe e á empregabilidade das persoas: bases de datos, Java, SolidWorks, igualdade nas relacións laborais, comercio, etc. 

Non podemos esquecernos dos programas de formación en colaboración con empresas ou con asociacións, como o Curso de especialista en electrónica para compoñentes da automoción (coa empresa Borgwarner) ou da formación que responde ás necesidades da nosa contorna, como o Curso de especialista en loxística marítima e portuaria (previsto para o segundo cuadrimestre e estruturado en tres módulos independentes de experiencia en temas legais, económicos ou de xestión). 

Ademais, as empresas poden beneficiarse de bonificacións para formar traballadores e traballadoras a través da Fundación Estatal para a Formación no Emprego (Fundae). Tamén terán dereito a bonificacións as persoas desempregadas ou cunha discapacidade recoñecida superior ao 33 % e os membros da comunidade universitaria ou da comunidade alumni da UVigo.

Resposta á constante evolución da sociedade

Empregabilidade, reciclaxe, emprendemento e promoción persoal e profesional son as claves dos títulos propios ofertados polo Campus Aberto da Universidade de Vigo a través da Escola Aberta de Formación Permanente.

A oferta da EAFP da UVigo inclúe títulos propios de especialización, cursos de reciclaxe profesional, formación a medida, innovación educativa e formación do profesorado, o Programa Universitario de Maiores (PUM) e diversos programas inlclusivos.

A nosa sociedade está en constante evolución e, neste novo escenario, son fundamentais a especialización académica, a reciclaxe profesional en novas tecnoloxías ou noutras disciplinas, e o desenvolvemento de habilidades transversais.

Unha formación aberta, flexible, transversal e actualizada

Certificación académica: A superación dun curso de formación permanente proporciona un título propio da Universidade de Vigo. Todos os cursos están sometidos aos regulamentos e aos procedementos de calidade definidos pola institución académica para este tipo de titulacións.

Quen pode acceder? O Campus Aberto ofrece formación para todas as persoas que buscan unha progresión persoal ou profesional. Quen posúa un título universitario pode solicitar a admisión nos títulos de posgrao orientados á especialización académica e que son un complemento ás titulacións oficiais da Universidade de Vigo.  Se non, pode solicitar a súa admisión nun diploma de formación universitaria, sempre que cumpra outros dos requisitos de entrada establecidos en función dos contidos do curso. 

Programa Universitario de Maiores: Trátase dunha formación aberta para todas as persoas, independentemente da súa idade. O PUM está deseñado para mellorar a calidade de vida de quen está rematando a súa traxectoria laboral: favorece a súa incorporación á vida universitaria nun espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e de experiencias de tipo científico e cultural e cun estilo de vida activo e saudable. 

Vantaxes do estudantado: A estancia na Universidade de Vigo non só é formación, senón tamén aprendizaxe, cultura, relacións sociais, lecer e diversión. As persoas matriculadas en títulos propios de máis de 30 ECTS poden realizar prácticas extracurriculares. Ademais, gozarán de moitas vantaxes como o acceso a diferentes actividades deportivas, culturais e de voluntariado, así como do acceso á biblioteca, a obradoiros de extensión universitaria e moito máis.

Máis información: www.eafp.uvigo.gal.

Te puede interesar